Ponte Caldelas aproba unha subvención de 30.000 € para construír o centro social de Taboadelo
O Alcalde de ponte Caldelas anunciou que o último pleno se aprobou unha modificación presupostaria na que se inclúe unha subvención de 30.000 € á Comunidade de Montes de Taboadelo para colaborar no financiamento do Centro Socio Cultural que están a construír nesa parroquia.
A Comunidade de Montes de Taboadelo iniciou o pasado ano a rehabilitación da antiga Casa Reitoral, que adquiriran ao Bispado, para convertela no Centro Sociocultural da parroquia.
Para iso xa presentaron no seu día o proxecto que ascendía a 220.000 € e obtiveron a licenza do Concello. Precisamente o Pleno celebrado en xaneiro de 2011 xa considerou ese proxecto de interese municipal, bonificando o 95% do importe do Imposto de Construción, Instalación e Obras (ICIO), o que supoñía 6.000 € de bonificación.
Xa naquel momento o Alcalde se comprometeu a colaborar economicamente con algunha subvención a esta obra, tal e como conseguiu centros similares noutras parroquias.
No caso de Taboadelo estase a rehabilitar a antiga Casa Reitoral que foi adquirida pola Comunidade de Montes á Igrexa. Ao ser de titularidade veciñal e non municipal a única posibilidade é a colaboración mediante subvención e achega de medios materiais tal e como tamén se fixo nos últimos anos coa Insua, Rebordelo e Contixe. Noutros lugares como A Rocha e Forzáns, nos que se construíron outros centros Socio Culturais, se daba a circunstancia de que o terreo onde se construíron era de titularidade municipal e polo tanto neses casos foi o Concello o que promoveu directamente a construción desas obras, incluíndoas no Plan de Investimentos de Deputación.
A vontade do Alcalde foi, ben directamente ou ben mediante subvencións, que todos os lugares do municipio conten cun local para reunións e actividades culturais dos veciños, adaptado e dimensionar ás características e poboación do lugar.
Así nos anos 2010 e 2011 se subvencionou a construción dos centros da Insua, Rebordelo e Contixe, e construíronse directamente a través do Plan de Investimentos da Deputación os centros culturais de Forzáns e A Roca. Neste ano 2013 estase a acometer a reforma integral do Centro Socio Cultural de Chaín, de titularidade municipal, e agora colabórase tamén cunha subvención para este Centro en Taboadelo, que o alcalde espera que se poida finalizar e inaugurar neste ano.











