Peche da Asemblea de Oleiros na Defensa do Ensino Público

Participantes no peche
A Asemblea de Oleiros na Defensa do Ensino Público presenta un balance moi positivo da xornada de peche do día 25 de abril no CEIP Rabadeira de Oleiros, enmarcado no cadro de convocatorias de peches nos Centros educativos a nivel estatal contra a LOMCE e en defensa da Escola Pública.
A convocatoria foi respaldada por un numeroso grupo de persoas, representantes de todos os sectores da Comunidade Educativa (pais/nais, profesorado, alumnado e persoal non docente) de todos e cada un dos Centros de Educación Primaria e Secundaria do Concello de Oleiros. Contou ademáis co respaldo e a presenza do Grupo Municipal de Goberno, que acudiu previamente ao Pleno coa camiseta da Marea Verde, así como co apoio doutros grupos políticos.
A Asemblea de Oleiros na Defensa do Ensino Público, -integrada por pais/nais, profesorado e PAS dos diferentes centros públicos de educación primaria e secundaria do concello de Oleiros, continúa co seu programa de actividades contra os recortes e o Anteproxecto LOMCE e en defensa da calidade da educación na escola pública, e na Asemblea de onte plantexou os seguintes acordos.
1 – Venres Verdes: Todos os venres acudiremos aos nosos CEIPs e IES (e incluso aos postos de traballo) coa camiseta verde de “Escola Pública. De tod@s para tod@s. Oleiros coa Marea Verde”. Adxuntamos cartel de “venres verdes” e imaxe da camiseta para difusión nos propios coles e IES.
2 – Vídeo informativo e reivindicativo. Continuamos coa edición do vídeo de representación dos diferentes sectores da Comunidade Escolar e de diferentes centros do noso concello en defensa da Escola Pública, contra os recortes e a Lei Wert.
3 – Adhesión á convocatoria de mobilizacións aprobada polas dúas Plataformas en Defensa do Ensino Publico de Galicia, participando das dúas manifestacións convocadas para o día 9 de maio en horario de mañá e tarde en defensa do Ensino Público, e solicitando públicamente a confluencia e unión destas dúas plataformas nun único movemento de actuación da Comunidade educativa de Galicia contra os recortes, a LOMCE e en defensa do Ensino Público.
4 – Marcha da marea verde e acto lúdico-reivindicativo. Estaremos presentes o Sábado 4 de maio na Xornada de Triatlon patrocinada polo Concello de Oleiros na localidade de Mera, informando sobre a LOMCE e a actividade da nosa Asemblea e convidando aos veciñ@s do noso Concello a participar da Andaina pro Ensino Público e a da Xornada lúdico reivindicativa que se desenvolverá o domingo 5 de maio no noso Concello.
Esta Xornada do domingo 5 de maio consistirá nunha xornada de encontro entre os diferentes sectores e centros educativos, na que se informe á poboación sobre os puntos críticos da Lei Wert e sobre as consecuencias da súa aprobación. A Andaina pro Ensinoo Público partirá do IES María Casares ás 17:00 horas ata o Parque José Martí, de Santa Cristina, onde se acompañará a labor informativa e de comunicación con actividades lúdicas e de encontro e participación: xogos populares, actuacións musicais, bochinche, voo de cometas con lazos verdes…











