Participación Social inicia “Mídt 2013” para impulsar nos máis novos estilos de vida saudable
A Concellaría de Participación Social e Educación, a través da OMIX, emprende a próxima semana unha nova edición do programa local de fomento de estilos de vida saudables entre os mozos. A edición 2013 do Midt diríxese especificamente a alumnado de secundaria do municipio, realizándose no IES de Ortigueira en horario lectivo.
A nova entrega do programa centra o seu obxectivo nos estudantes de 2ª e de 4ª da ESO, abordando temáticas especificamente dirixidas a cada grupo de idade, en función das demandas formuladas dende o propio ámbito escolar.
Así, no caso dos rapaces de 13 e 14 anos, os máis pequenos, o ciclo de talleres afondará en temas como as relacións afectivas e sexuais responsables, o consumo de drogas legais (alcohol, tabaco…) ou os trastornos alimentarios e os problemas de imaxe persoal que poden levar asociados.
En canto aos maiores, as sesións previstas (autocoñecemento e relacións co grupo, toma de decisións e explorando o futuro) buscan impulsar a aprendizaxe e adestramento de habilidades persoais e sociais que axuden a reforzar a seguridade e autoestima dos estudantes e contribúan a previr comportamentos e factores de risco.
Dende a Concellaría de Participación Social trátase con esta iniciativa de intervir nunha etapa de especial vulnerabilidade como a adolescencia; un momento de transición á idade adulta, no que á limitada información sobre problemáticas relacionadas coa saúde e as relacións persoais se suma cunha tendencia a experimentar e, moitas veces sen decatarse, a incorrer en comportamentos de risco.











