Ourense solicita que o Plan Sectorial Viario conte cos proxectos estratéxicos da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local, tomou coñecemento esta mañá da alegación que o Concello realizou ao documento de aprobación inicial do “Plan Sectorial da Rede Viaria de Ourense e a súa área de influencia”, redactada pola empresa que está a redactar o Plan de Urbanismo, Oficina de Planeamento SA, e que foi remitida á Xunta de Galicia o pasado luns, 8 de abril.

A finalidade do Plan é mellorar a mobilidade de Ourense e a súa área de influencia, para cumprir co obxectivo global de “ofertar aos cidadáns infraestruturas viarias de calidade, que melloren a mobilidade, a seguridade da rede de estradas, a accesibilidade ás zonas máis periféricas e a explotación da rede.

Unha vez aprobada a declaración de supramunicipalidade deste Plan por parte do Consello da Xunta, a Axencia Galega de Infraestruturas sométeo a información pública e ao seu correspondente informe de avaliación ambiental estratéxica.

Neste momento o Concello remite á Axencia Galega de Infraestruturas, en forma de alegación, unha serie de consideracións para que sexan tidas en conta os proxectos estratéxicos que se están a desenvolver na cidade de Ourense, as novas actuacións en materia de infraestruturas e se revise a porcentaxe de inversión toal destinada ao municipio.

O horizonte do Plan Sectorial establécese no periodo 2013- 2020 en coordinación co escenario temporal do Plan MOVE, cun investimento estimado de 161,9 millóns de euros para a obra, o acondicionamento e mellora da rede, ao que se engaden 25 millóns de euros para programas complementarios. O Concello de Ourense suliña na súa alegación, que do total deste investimento, o municipio de Ourense soamente é o destinatario de menos do 50% do total, a pesar de que no ano 2010, ano de referencia para a elaboración do Plan, concentraba ao 77% da poboación total obxecto de estudio, presentando un certo desequilibrio económico na distrubución do financiamento do Plan Sectorial.

Ademáis, o Concello refire que no Plan apenas se fai mención ás actuacións previstas polo Ministerio de Fomento no ámbito norte da cidade, coma a variante exterior do trazado da Alta Velocidade, aínda que se define a rede Viaria Metropolitana, apoiándose da Rede de Altas Prestacións do Ministerio de Fomento, que ten en conta o anel exterior A-52, variante norte, a e ronda leste, integrada pola A52 e A76.

Segundo os servizos de planeamento, o trazado que se contempla é excesivamente ríxido e non ten en conta o concepto de “rede viaria única”, senón que distingue entre rede viaria local e supra local, o que pode diminuir as demandas de accesibilidade local, equilibrio, eficacia e consenso coa planificación urbanística municipal.

É por isto, que no marco de actuacións do Plan denominado “Programa de Altas Prestacións”, o Concello solicita que se teñan en conta a reodenación da variante oeste, coa completa reordeación de A Casilla, permitindo unha mellor integración urbana, e se incorporen as conexións establecidas na ronda termal.

Doutra banda, na ronda bulevar distínguense dous treitos; o primeiro comprende unha zona urbana entre Rabo de Galo e a Avda de Zamora, e o segundo, interurbano, comprende a zona entre a OU 105 e o Polígono de San Cibrao. É neste segundo treito, no que se dan singulares puntos de discrepancia, xa que o trazado da proposta municipal aproxímasae ao núcleo urbano de Bemposta garantindo mellores condicións de integración topográfica e paisaxística e menor impacto visual na serra do Cumial, que o Concello quere que sexan tidos en conta polo Plan sectorial.

O último punto que recolle a alegación é a incorporación de dúas novas actuacións no Plan: a nova ponte sobre o río Miño no barrios das Lagoas cara o Peliquín e o soterramento da estrada OU 536, na zona do campus de Ourense, no túnel da Avenida de Otero Pedraio, dos cales xa ten informado favorablemente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e se conta co informe favorable da Dirección Xeral de Infraestruturas para a execución, no caso do soterramento, pendente agora de financiación mediante a suscrición dun convenio entre o Concello e a Consellería.

O Concello entrega as vivendas do edificio da rúa Hernán Cortés, xa rematada a súa rehabilitación

No marco dun convenio suscrito entre o Concello e a comunidade de propietarios do inmoble da rúa Hernán Cortés, nº13, polo que o primeiro se comprometía á súa rehabilitación, tralos danos ocasionados polo edificio colindante no seu derrumbe.

As obras de rehabilitación do inmoble finalizaron e foron entregadas a finais de verán do ano 2012 e unha vez acreditados os propietarios das diferentes vivendas e o local do baixo do edificio, a Xunta de Goberno Local, acordou a entrega da posesión das vivendas a aqueles particulares que teñen acreditado o seu dereito de propiedade sobre o inmoble.

Así o Concello entrega 4 vivendas, un dúplex, e o local da pranta baixa, sendo notificados os propietarios correspondentes para que poidan facer usa das mesmas.

No inmoble, queda pendente entre vivendas D e E da terceira pranta, por estar a titular da propiedade nun procedemento xudicial de incapacidade e ata que este se resolva e a vivenda A (primeiro dereita), suxeita a que finalice o procedemento xudicial polo que sexan declarados herdeiros do propietario os agora demandantes.

11 de abril de 2013 | 15:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.