Ourense convoca as Becas Leonardo, coas que 25 mozos poderán desfrutar dunha estadía formativa en 4 países europeos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurenseOurenseProvinciasXuventude
A-
A+

A Concellería de Educación do Concello de Ourense convoca as Becas Leonardo da Vinci, coas que mozos ourensáns poderán desfrutar dunha estadía formativa de 12 semanas de duración en catro cidades europeas: Lisboa (Portugal), Florencia (Italia), Dublín (Irlanda) e Portsmouth (Reino Unido), aprender o idioma e realizar prácticas laborais en empresas do seu sector de actividade.

As becas están dirixidas a mozos de entre 18 e 30 anos que remataran o ciclo superior de Formación Profesional. En caso de non cubrirse tódalas prazas, poderán optar tamén licenciados, diplomados ou graduados universitarios. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o día 2 de maio.

O programa Leonardo da Vinci é unha iniciativa da Unión Europea que ten como obxectivo contribuír á mellora da calidade e innovación dos sistemas educativos apoiando as actividades de formación con miras a acadar un maior grao de desenvolvemento persoal, empregabilidade e participación no mercado laboral europeo. O programa suporá un investimento de 75.337,50 euros.

Os participantes desfrutarán dunha estadía de 12 semanas no país de destino, que se desenvolverán entre os meses de setembro e decembro. Alí realizarán un curso intensivo de idioma e preparación cultural, de 3 semanas, e prácticas profesionais en empresas relacionadas coa súa formación ou experiencia laboral previa, durante as 9 semanas restantes.

As becas inclúen desprazamento ida e volta, aloxamento, seguemento de titores, cursos de formación, seguro médico e búsqueda de empresas para realizar as prácticas, entre outros aspectos.

Información e inscricións

Tódolos interesados poden solicitar máis información e recoller os formularios de inscrición na Concellería de Educación, na Praza de San Martiño, 2, 1º, teléfono 988 388136 e consultar as bases da convocatoria na páxina web do Concello de Ourense www.ourense.es ou da Concellería de Educación www.educacionourense.es. As solicitudes deberanse presentar por Rexistro Xeral do Concello ata o día 2 de maio.

17 de abril de 2013 | 15:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.