Ourense anima aos cidadáns a participar da festa dos Maios con premios de ata 400 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalOurense
A-
A+

O vindeiro día 5 de maio, Ourense revivirá unha das súas festas máis tradicionais, a Festa dos Maios, declarada Festa de Galicia de Interese Turístico na Provincia. Esta mañá foron aprobadas na Xunta de Goberno as bases do concurso de Maios e coplas que convoca para ese día a Concellería de Cultura.

Neste concurso poderán participar todas as asociacións culturais, colexios, grupos, colectivos veciñais, entidades e calquera persoa que o desexe sempre que sexa maior de idade.

Tal e como se expón haberá dúas modalidades. Por un lado os Maios, que deberán estar realizados por materiais tradicionais e poderán ser Enxebres, Artísticos ou Creativos. O xurado valorará o mellor Maio enxebre e artístico, e coplas, outorgando os seguintes premios: 400 € ao Maio artístico, 300 € ao Maio enxebre, 100 € ao Maio escolar, e 150 € ás mellores coplas. Ademais desto, a concellería de Cultura concederá unha axuda pola participación de 200 € para elaboración dos Maios enxebres, de 400 € para os artísticos e de 200 € para os creativos.

E por outro as coplas, das cales o xurado valorará a retranca, a composición, o ritmo e a linguaxe utilizados. O canto das coplas será a partir das 12.00 horas no lugar onde estea situado o maio, e valorarase o estilo máis tradicional, dentro do propio Maio.

Cada participante terá que presentar Maio e coplas. As coplas deberán presentarse no momento de realizar a inscrición, e presentaranse oito exemplares co seu correspondente depósito legal na Concellería de Cultura, na Praza de San Martiño, nº 2 – 1º. O prazo de inscricións remata o día 2 de maio.

4 de abril de 2013 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.