Ourense adhírese ao Fondo Social de Vivenda para facilitar o acceso a vivenda de desafiuzados
O Concello de Ourense adherirase ao Fondo Social de Vivenda que ten como finalidade facilitar o acceso a unha vivenda en condicións favorables de alugueiro a persoas afectadas por desafiuzamentos. A Xunta de Goberno Local acordou na súa sesión desta mañá que o Concello se una ao convenio para a creación deste fondo asinado polos ministerios de Economía e Competitividade, Sanidade, Servizos Sociais, Fomento, Banco de España, Federación Estatal de Municipios e Provincias, Plataforma do Sector Terceiro, as patronais bancarias e distintas entidades de crédito.
Con esta iniciativa, o Concello de Ourense pretende achegar un novo recurso para as familias en situación de especial vulnerabilidade afectadas por desafiuzamentos, de xeito que podan acceder en réxime de alugueiro en condicións favorabeis a vivendas incluidas no Fondo estatal, a custes máis baixos dos prezos de mercado.
Máis de 5.800 vivendas en 900 municipios españois
Segundo o previsto no convenio, cada unha das entidades de crédito participantes constitúe o seu propio fondo cun número inicial de vivendas, que poderá ser ampliado. Inicialmente o Fondo Social naceu con 5.891 vivendas que aportan as 33 entidades financieiras asinantes do convenio e se sitúan nuns 900 municipios en toda España
Poderán acceder a elas as familias en situación de especial vulnerabilidade que foran desafiuzadas das súas vivendas despois do 1 de xaneiro de 2008 polo impago dun préstamo hipotecario.
O alugueiro das viviendas terá unha duración de dous anos e as rendas oscilarán entre os 150 e os 400 euros mensuais, cun límite máximo do 30% dos ingresos netos totais da unidade familiar.
As solicitudes deberán dirixirse á entidade de crédito correspondente, que darán prioridade a aquelas situacións de maior necesidade ou risco social. Solicitarán para elo informe aos servizos sociais dos Concellos ou deputacións provinciais.
De acordo co previsto neste convenio, o Concello de Ourense prestará información e asesoramento ás persoas interesadas en solicitar unha vivenda do fondo social e, a través da área de Servizos Sociais, realizará as valoracións das solicitudes de aspirantes ao arrendamento de vivendas deste fondo, valorando as circunstancias sociais da persoa.
Servizo de limpeza
Na mesma sesión, e de acordo coa proposta da mesa de contratación do concurso convocado polo Concello, a Xunta de Goberno Local acordou adxudicar o servizo de limpeza de instalacións municipais á empresa Limpiezas, Ajardinamientos y Servicios SERALIA, S.A., dado que esta empresa foi a que recibiu a mellor valoración por parte da mesa de contratación entre as 13 firmas que se presentaron ao concurso, de conformidade coas fórmulas matemáticas previstas no prego de condicións e coa valoración dos informes respecto á oferta técnica. O contrato ascende a un total de 813.120 euros por ano, IVE incluido, ofrecendo a empresa gratuitamente ao Concello a cantidade de 450 horas/ano.
Para a primeira anualidade, a correspondente ao presente 2013, o Concello aproba un gasto máximo de 609.714,64 euros, para o tempo vixente dende a próxima sinatura do contrato ata o remate da anualidade.
O servizo inclúe a limpeza das diferentes dependencias municipais, preto dun cento de inmobles e espazos diferentes: Casa do Concello, oficinas das diferentes servizos municipais, bibliotecas, cemiterios, rede de centros cívicos, etc.
O Concello notificará o acordo adoptado hoxe á empresa adxudicataria e ás demais que concurriron ao concurso, abríndose un prazo de 15 días no que as empresas que o desexen poderían presentar recurso, antes da formalización do contrato.
Teleasistencia gratuíta a máis de 200 persoas maiores
Na Xunta Local, o Concello deu un paso adiante na contratación do servizo de teleasistencia para persoas maiores, un servizo que ata agora prestaba a Deputación Provincial, a través dun convenio do IMSERSO e que dende este ano o Concello de Ourense deberá prestar en solitario na cidade, financiando na totalidade o seu custe, duns 60.000 euros anuais, que permite dar atención gratuíta a un total de 237 persoas maiores que residen na cidade.
Con esta finalidade, o Concello licitou o servizo, e esta mañá a Xunta de Goberno aprobou a ordenación das ofertas presentadas. Das catro recibidas, a máis económica é a realizada por CLECE, S.A., cunha oferta de terminal/mes de 17,58 euros, IVE incluido, o que significa unha baixa de 18,23% respecto ao orzamento de licitación. Con este acordo, o Concello require a esta empresa para que no prazo de 10 días presente a documentación necesaria para asinar o contrato.
Atención ininterrumpida a persoas maiores
A teleasistencia é un servizo gratuíto de atención telefónica ininterrumpida cun equipamento de comunicacións e informática específicos que ten como finalidade prestar atención a persoas maiores, e dar resposta inmediata en caso dunha urxencia. Consta dunha unidade de alarma que leva a persoa, un terminal telefónico e unha central informatizada, receptora de chamadas, situada no centro de Atención, e permite aos usuarios ante calquera situación de emerxencia, e con tan só premer un botón, comunicarse coa central, atendida por persoal especializado, para dar resposta á situación comunicada.
O servizo pretende proporcionar unha resposta rápida que permita establecer unha comunicación entre o usuario e o centro de atención para actuar de xeito adecuado ante situacións de emerxencia, inseguridade, soidade e illamento dura nte as 24 horas do día, os 365 días do ano. Trátase un servizo de esencial importancia en Ourense, habida conta que o 27,25% da súa poboación (29.521 persoas) son maiores de 60 anos, porcentaxe que supera a media do territorio nacional.
O servizo viña sendo prestado dende 1998, a través dun convenio entre o IMSERSSO e a Federación Española de Municipios e Provincias para implementar nos concellos o servizo de teleasistencia domiciliaria, xestionado polas Deputacións provinciais. Dende maio de 1999, o Concello de Ourense tramita o acceso a este servizo. Dende o pasado 1 de xaneiro o IMSERSO deixa de subvencionar a teleasistencia e a Deputación Provincial non continúa subvencionando os usuarios do Concello de Ourense, só o fai no caso dos municipios de menos de 20.000 habitantes.
Por este motivo, o Concello asume a xestión e financiamento total deste servizo, que presta atención a un total de 237 persoas maiores residentes en Ourense.
Licenza de apertura a Aixiña
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local concedeu licenza de apertura para o centro integral de servizos socio asistenciais comunitarios da Asociación de Discapacitados Físicos, Parálise Cerebral e Terceira Idade, Aixiña, sito na Finca Sevilla, de conformidade cos servizos técnicos e xurídicos emitidos ao respecto.
Unha vez realizadas as inspeccións municipais e sectoriais previas á concesión da licenza de apertura constátase que o local cumpre coa licenza de obra e actividade outorgada pola Xunta de Goberno Local no mes de agosto, xa que as obras realizadas para mellorar as condicións de uso, seguridade e salubridade, se axustan ao proxecto autorizado, polo que a mesma Xunta de Goberno, na súa xuntanza desta mañá, procedeu a conceder a licenza de apertura definitiva, pondo fin a este procedemento e quedando legalizada a situación administrativa do centro integral da asociación ourensá.
Concesión da cafetería no Parque Barbaña
Na mesma sesión, a Xunta Local acordou resolver o contrato de concesión administrativa da cafetería con terraza sita no Parque do Barbaña asinado polo Concello coa empresa Construcciones Gamallo S.L., ao estar declarada esta última en situación de concurso de acreedores.
O contratista disporá dun prazo de 3 meses dende a notificación do acordo para abandonar o local e reverter as instalacións a favor do Concello. Paralelamente, o Concello abrirá procedemento de contratación para adxudicar a unha nova empresa a xestión desta cafetería.
Mobiliario para novas dependencias municipais na Praza da Imprenta
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno aprobou a ordenación decrecente das ofertas presentadas para a contratación da subministración de mobiliario para o edificio sito na Praza da Imprenta, número 2, rehabilitado polo Concello para acoller e unificar as dependencias e servizos das Área Municipal de Facenda.
Avaliadas as 6 ofertas recibidas, a máis económica foi a presentada por PAIPEL-OR, S.L., por importe de 49.855,63 €, IVE engadido, o que representa unha baixa do 31,19 % fronte ao orzamento de licitación. No mesmo acordo, o Concello require a PAIPEL-OR, S.L. para que no prazo de dez días hábiles a contar dende o seguinte a aquel no que recibira o requirimento, achegue os documentos acreditativos de estar ao corrente das súas obrigas tributarias e de seguridade social e de constituír a garantía.











