Ourense acolle a última reunión do programa europeo Oralities de proxectos culturais
Hoxe ten lugar na nosa cidade a última reunión do programa europeo Oralities, que durante os últimos anos traballou na difusión da música tradicional e a tradición oral. Xunto a Ourense, participaron outras cidades europeas como Évora, Idanha a Nova e Mértola (Portugal), Ravenna (Italia), Sliven (Bulgaria) e Birgu (Malta). Representantes destas cidades (técnicos e o alcalde de Birgu, Malta), foron recibidos esta mañá no Salón de Plenos do Concello polo alcalde, Agustín Fernández, e a concelleira de Cultura, Ana Garrido. Os participantes visitaron a primeira hora da mañá o Centro de Interpretación das Burgas, para, a continuación, proceder á visita ao Concello onde, en xornada de mañá e tarde, ten lugar a última das reunións do programa.
Este proxecto europeo púxose en marcha a finais do 2008 e a participación de Ourense posibilitou o desenvolvemento de actividades e proxectos en ámbitos nos que a Concellería de Cultura xa traballaba, como son a música tradicional e popular, a tradición oral e a súa valorización. Tamén a creación de festivais de música antiga, do renacemento, ámbitos que se reforzaron coa investigación e a creación de diversos tipos de materiais didácticos.
Outros obxectivos a desenvolver polo programa Oralities, foron a construción de soportes para preservar, divulgar e recuperar o patrimonio que se inscribe na tradición oral, como foi a creación do “Centro de Recursos da Tradición Oral” – en Évora -, dotado dunha plataforma dixital on-line, que permitiu construír as condicións para a valorización da cultura e do patrimonio material e inmaterial dos territorios participantes, promovendo o diálogo entre as culturas. Este traballo favoreceu a posta en valor de produtos culturais locais para potenciar a expansión do turismo cultural e a construción dunha programación sustentable en rede. Este proxecto permitiu mostrar a nosa cidade alén das fronteiras tradicionais e emerxer así nun escaparate que mostrou as nosas expresións e patrimonio cultural.











