Os vilagarciáns aprenderán a ler a factura eléctrica e métodos de aforro enerxético
A sala de conferencias do Auditorio Municipal acolle mañá, xoves 11 de abril, unha charla formativa sobre aforro e eficiencia enerxética orientada a usuarios e consumidores. A actividade, organizada pola Deputación Provincial en colaboración co Concello e a asociación de amas de casa e consumidores O Noso Lar, comezará ás 19 horas e a participación é aberta a todo o público.
A charla será impartida por conferenciantes da Fundación Galicia Sustentable, entidade cunha grande experiencia na realización de este tipo de actividades formativas no eido ambiental e organizadores do evento internacional TeDx en Galicia. Na sesión a celebrar mañá no Auditorio os asistentes poderán coñecer aspectos claves sobre o sistema enerxético e a sustentabilidade, mellorar a comprensión das complicadas facturas enerxéticas e mesmo informarse sobre as distintas tarifas e modalidades de consumo ás que poden acollerse. Ademais, a charla terá unha compoñente eminentemente práctica, xa que se analizarán os distintos termos dunha factura eléctrica doméstica, se explicará o xeito de facer reclamacións e os técnicos aconsellarán sobre os hábitos que se poden poñer en práctica nos fogares para lograr a eficiencia e a redución do consumo.
Esta iniciativa formativa de carácter medio ambiental enmárcase dentro das actividades de formación e divulgación medio ambiental do proxecto RETALER II Rede Transfronteiriza de Autoridades Locais en Enerxías Renovables do cal a Deputación de Pontevedra é socio membro xunto con outras dezaseis entidades españolas e portuguesas.











