Os ourensáns reciclaron 40.000 quilos de roupa e calzado en só tres meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense, no seu afán por mellorar constantemente a xestión dos residuos do municipio, fixo balance dos tres primeiros meses de funcionamento do servizo de recollida de roupa, elementos textís e calzado, ao longo de toda a cidade.A implantación do sistema integral de recollida, reciclado e reutilización de residuos, levada a cabo pola empresa Texlimca S.L. -concesionaria do servizo-, obtivo unha boa acollida por parte dos cidadáns, que xa levan reciclados un total de 41.997 quilogramos de roupa e calzado.

Dos 32 colectores distribuídos ao longo do municipio, os colectores das rúas Ervedelo -con 2.152 kg.-, Salvador Dalí -2.005 kg.-, Nosa Señora da Saínza -1.925 kg.- e rúa do Vinteún -1.901 kg.-, son os máis empregados polos veciños e veciñas, que contribúen coa súa acción á mellora do seu contorno medioambiental, revertindo en beneficios cívicos e sociais.

Desde a súa implantación a mediados de xaneiro, os ourensáns reciclaron 8.617 kg en xaneiro, 13.354 kg en febreiro, 11.348 kg en marzo e 8.678 na primeira quincena do presente mes de abril. A recuperación da roupa usada para a súa reciclaxe, ou a súa reutilización, supón beneficios ambientais e económicos, incidindo nunha maior reutilización de tecidos e roupas ou aproveitamento de materias primas.

Os seguintes son residuos obxecto de recollida nos colectores:

Textís:

-Prendas de vestir: xerseis, camisas, camisetas, faldas, pantalóns, cazadoras, chaquetas, bañadores, chándals, vestidos, polos, traxes, abrigos, lencería, roupa interior, garavatas, panos, bufandas, etc.

-Roupa de fogar: sabas, mantas, fundas, mantelerías, cortinas, toallas, albornoces, edredóns, etc.

Non textís:

-Calzado: zapatos, botas, sandalias, calzado deportivo, etc.

-Complementos: bolsos, carteiras, gorras, abanos, sombreiros, cinturóns, etc.

Vantaxes

-Diminuír a cantidade de lixo que vai destinado aos vertedoiros.

-Reempregar estes materiais para outro tipo de actividades industriais alongando a vida útil dos mesmos.

-Formar ao cidadán axudando a por en práctica unha educación mediambiental axeitada, clasificando os residuos.

-Facilitar un servizo cómodo e áxil para o cidadán, dispoñible as 24 horas dos 365 días do ano.

Funcionamento

Os cidadáns deben introducir as prendas en bolsas pechadas, tanto para facilitar o posterior transporte, optimizando os tempos de recollida, como para evitar unha posible contaminación dos contidos dun colector. Os modelos de colector instalados, denominados “wippy xuquer”, teñen unha capacidade de volume interior de 2.700 litros, e están dotados de chapas de aceiro galvanizado. Contan cunha boca aberta composta por unha noria que xira en sentido vertical, evitando a sustración das bolsas depositadas unha vez introducidas.

Para máis información, pódese consultar a seguinte páxina web: http://www.wippy.es/. Na sección http://www.wippy.es/localizacion.php pódese acceder á ubicación concreta dos colectores sobre un mapa da cidade.

22 de abril de 2013 | 10:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.