Os orzamentos do Concello de Ourense para 2013 medran en máis de 600.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaOurense
A-
A+

O concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero facilitou esta mañá en xunta de área aos grupos municipais de PP, BNG e DO o avance provisional dos Orzamentos do Concello de Ourense para o presente ano 2013.

As grandes cifras incluídas no avance reflicten que, malia o contexto de recesión económica que se vive na actualidade, os orzamentos do Concello medrarán no presente ano en 630.000 euros. Concretamente, pasarán de 100.255.453 euros rexistrados nas contas do ano 2012 a un total de 100.885.923,11 euros no presente ano 2013.

Tamén se reducirá o gasto corrente, que se minorarán en 245.000 euros, pasando dos 90.593.452,17 euros gastados do ano 2012 a 90.348.151,57 euros en 2013.

Aumentan, en cambio, as partidas adicadas á realización de investimentos na cidade. Concretamente, a suma dos capítulos de investimentos e transferencias de capital medra no presente ano 2013 en máis de medio millón de euros, ao pasar de 4.794.666,83 euros en 2012 a 5.388.686,53 euros.

O concelleiro de Economía e Facenda, José Ángel Vázquez Barquero, presentou esta mañá en Xunta de Área as grandes cifras do avance de orzamentos, que cualificou de “significativas e positivas”, salientando que “no contexto e situación económica en que vivimos somos capaces de manter o gasto presupuestario do Concello de Ourense, o que entendo que é unha moi boa noticia”. Salienta o edil de Facenda que “se reduciu lixeiramente o gasto corrente, o que significa que o Concello se introduciu nunha vía de axuste de gasto corrente e que o capítulo de investimentos aumenta, chegando a 5,3 millóns de euros, magnífica noticia para os cidadáns de Ourense”

Unha vez remate a elaboración do documento, o goberno municipal presentará o proxecto de orzamentos a aprobación por parte da Xunta de Goberno Local, para a posterior presentación dos orzamentos a aprobación por parte do Pleno do Concello.

17 de abril de 2013 | 15:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.