Os mellores monologuistas galegos participarán no I Festival do Humor da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaCalendarioLocalLocal Portada
A-
A+

Os mellores e máis coñecidos monologuistas do panorama galego actuarán na Laracha ao longo do mes de maio na primeira edición do Festival do Humor que organiza o Concello co propósito de ofrecerlle ao público en xeral unha alternativa de ocio diferente, divertida e moi económica.

Actores e humoristas da talla de Carlos Blanco, Luis Zahera, Quico Cadaval e Sergio Pazos subiranse ao escenario da Casa da Cultura da Laracha para contar ao público as súas vivencias, experiencias e opinións, sempre coa ironía e bo humor que os caracteriza e estando presentes os temas actualidade e as tradicións galegas máis arraigadas.

Carlos Blanco abrirá o I Festival do Humor o 3 de maio con Teño días, o seu último espectáculo, no que repasa a actualidade galega e foránea baixo unha perspectiva humorística e con certas doses de improvisación. O actor arousano, que conta cunha ampla experiencia tanto en cine como en televisión, realizará en próximas datas unha xira con este mesmo show por España e Sudamérica.

O día 10 de maio será a quenda de Luis Zahera, actor que saltou á fama co seu personaxe de Petróleo na serie da TVG Mareas Vivas, e que tamén participou noutras exitosas producións como Sin tetas no hay paraíso, Matalobos ou o filme Celda 211. O humorista santiagués propón un monólogo autobiográfico no que asume que, se cadra, non sexa todo o intelixente que pensaba ser.

O considerado mestre de todos os monologuistas galegos, Quico Cadaval, chegará o 24 de maio co espectáculo Negro Ismael, a última das historias creadas polo cómico ribeirense, o que mellor representa o humor galego.

Sergio Pazos pechará o I Festival do Humor da Laracha o 31 de maio con Sé galego, my friend. O coñecido intérprete ourensano (Pratos Combinados, Caiga Quien Caiga, Cuéntame cómo pasó, etc.) repasará en ton sarcástico as virtudes e defectos dos galegos e a nosa especial forma de ver e entender todo o que nos rodea.

As actuacións serán, en todos os casos, a partir das 22.00 horas na Casa da Cultura da Laracha. As entradas terán un prezo de 5 euros para cada unha das funcións e poranse á venda para o público en xeral no Concello da Laracha a partir do 22 de abril.

15 de abril de 2013 | 09:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.