Os maiores de Oleiros, de visita científica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOleiros
A-
A+

Os veciños e veciñas das parroquias de Iñás e Oleiros iniciaron o programa de excursionismo para maiores “Ven e Descubre” deste ano 2013, realizando a semana pasada unha visita aos museos científicos da Coruña. O MUNCYT e a DOMUS foron os museos elixidos para descubrir como a ciencia e a tecnoloxía nos rodean no día a día e fan posible que mellore a nosa calidade de vida. Nestas visitas quedou demostrado que as ansias de coñecemento e a curiosidade no ser humano non teñen idade, xa que as persoas maiores de Oleiros gozaron con ambas visitas, interactuando cos elementos dos museos, preguntando continuamente e amosando un interese por aprender semellante aos dos máis pequenos. Ademais coñecéronse tamén dous espazos naturais como o parque do Monte de San Pedro e o contorno da Torre de Hércules, un avance tecnolóxico fundamental no seu momento e que sigue a selo na actualidade, hoxe como Patrimonio da Humanidade. As historias que hai no contorno da torre, as obras escultóricas e as fermosas paisaxes da costa de Oleiros, foron outros aspectos da visita.

Esta fin de semana tocaralle a quenda a cen veciños de Perillo e Montrove e nas vindeiras semanas irán o resto das parroquias, sendo finalmente preto dunhas 500 persoas as que gocen desta viaxe, o primeiro dos tres destinos previstos. Nos meses de maio e xuño realizaranse as outras dúas excursións a Santiago de Compostela e á Costa da Morte.

Tamén sendeirismo

Dentro deste mesmo programa, a semana que vén, empezan as inscricións para as rutas de sendeirismo para maiores. Os días 22, 23 e 24 de abril poderán inscribirse no teléfono de atención ao veciño 981 610 000 en horario de 16:00 a 20:00 h para participar no programa e acudir á reunión de preparación na Fábrica, en Perillo, o día 25. A primeira ruta, de preparación, será como sempre, no Concello de Oleiros, e transcorrerá desde a lagoa de Mera ata Lorbé.

19 de abril de 2013 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.