Os interesados en explotar o kiosco-bar da Compostela xa poden presentar as súas ofertas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

As persoas interesadas en xestionar o kiosco-bar da Praia de Compostela durante a temporada de verán dispoñen de quince días para presentar as súas propostas no Concello. O prazo de presentación iníciase mañá, 25 de abril, dado que o BOP publica hoxe o último dos anuncios da convocatoria. As bases que rexerán o contrato da concesión pódense no perfil do contratante da web municipal www.vilagarcia.es.

O contrato de concesión administrativa para a explotación do denominado Pavillón de Servizo da praia Compostela para a súa utilización como quiosco bar adxudicarase por procedemento aberto. O contrato establécese para o período comprendido entre o 1 de maio e o 31 de outubro de 2013 e o prezo de saída, que os interesados poden elevar nas súas propostas como mellora a valorar, é de 300 euros mensuais.

Nas cláusulas do prego establécese que o adxudicatario debe cumprir unha serie de requisitos como manter aberto o quiosco-bar os sete días da semana e cun horario mínimo e interrompido de 10:00 as 21:00 horas, que o concesionario poderá ampliar respectando os horarios legalmente fixados para a apertura e peche de este tipo de establecementos.

O adxudicatario tamén deberá permitir o libre e gratuíto acceso publico ós aseos do edificio durante o horario de funcionamento do local, así como manter os mesmos en condicións axeitadas de hixiene e limpeza, así como a colocación nos mesmos de papel hixiénico. O concesionario ten, así mesmo, a obriga da apertura e peche dos citados aseos, coincidindo co horario de apertura e peche do establecemento.

Ademais de aboar o canon mensual que se fixe na adxudicación, o concesionario terá que correr cos gastos de funcionamento do pavillón de servizos durante o prazo da concesión (electricidade, auga…). Tamén terá que afrontar os posibles danos que sufran as instalacións municipais e deberá ter subscrita unha póliza de seguro de responsabilidade civil e de accidentes que cubra posibles danos a terceiros, por un capital mínimo asegurado de 150.000,00 euros.

O concesionario terá que explotar directamente o servizo, polo que non se admiten arrendamentos a terceiros. Tamén será obrigatorio a acreditación de solvencia económica, técnica e profesional para facer fronte ás obrigacións resultantes da concesión.

24 de abril de 2013 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.