Os fogares cervenses reducen a cantidade de residuos depositados nos colectores
A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Begoña Alonso, vén de facer balance dos residuos recollidos e procesados durante o ano 2012. Un período que, comparado co 2011, rexistra unha redución no volume de desperdicios depositados nos colectores verdes, o do lixo xenérico. En total, os fogares cervenses xeraron 1.500 toneladas de refugallo, 93 toneladas menos que no ano anterior. Unha baixada que pode responder a múltiples causas relacionadas cos hábitos de consumo ou co uso máis responsable dos alimentos.
En canto aos residuos que se depositan nos diversos colectores de recollida selectiva, como o amarelo, o iglú do vidro ou o azul, tamén diminúen o volume de residuos que reciben. En concreto, no colector de envases lixeiros depositáronse 2.500 quilos menos de lixo que no ano 2011, un total de 45.100 quilos. Ao mesmo tempo, tamén se reduce a achega de lixeiros que fixo cada habitante durante o ano, de 6,1 quilos.
Pero un dos datos máis destacables é a redución do volume de impropios recollidos, que pasou do 68% ao 61%. Os impropios son aqueles residuos que se botan no colector equivocado e que entorpecen o proceso de reciclaxe. “Un dato que nos demuestra que los cervenses reciclan cada vez mejor y que conocen el tipo de residuo que se debe depositar en cada contenedor” explica Alonso. Neste sentido, a edil lembra a compaña de concienciación sobre a separación de residuos posta en marcha en outubro, na que se aclararon as dúbidas de moitos cidadáns ao respecto dos desperdicios que se destinan a cada colector.
O volume de recollida de papel e cartón tamén se reduce en case 5.000 quilos baixando ata os 18.400 e, en consecuencia, tamén diminúe a achega por habitante, de 4 quilos ao ano. O mesmo ocorre co vidro depositado nos iglús, que descende ata os 64.600 quilos e cunha baixada de 14.000. Neste caso a achega por habitante e ano é de 14 quilos.
Outros residuos
Especial atención merece a recollida de aceite doméstico usado, que case se duplica no 2012, chegando aos 1.365 quilos e aumentando nuns 600 quilos con respecto ao 2011. Neste caso, o xesto colectivo dos cervenses evitou a contaminación de 1.500 millóns de litros de auga. Neste sentido hai que ter en conta que no 2012 o Concello fixera melloras no sistema de recollida do aceite doméstico dando a posibilidade de introducir botellas de plástico dentro dos colectores na contra de ter que verter o contido no seu interior.
A compostaxe doméstica tamén achega datos relevantes. No 2012 a delegación de Medio Ambiente repartiu 25 novos composteiros entre o mesmo número de familias cervenses, promovendo a reciclaxe de residuos e contribuíndo á redución do volume da bolsa negra. Deste xeito, son xa 83 as familias que poñen en práctica este método de aproveitamento dos desperdicios orgánicos para a elaboración de compost.
Tamén hai que ter en conta a posta en marcha dun novo servizo gratuíto a través do cal a cidadanía podía achegar os seus aparatos eléctricos e electrónicos ata a nave de obras, onde se depositaron máis de 3.000 quilos de aparellos. Unhas achegas que permitiron evitar, en grande medida, a creación de vertedoiros incontrolados.
A recollida de pilas tamén aumentou, en 100 quilos máis, acadando os 300 quilos. Uns residuos que se poden depositar nos múltiples puntos que ten habilitados o Concello en distintos establecementos e empresas do municipio ademais dos edificios da Casa do Concello e da Casa da Cultura.
A edil de Medio Ambiente asegura que “del análisis de estos datos se desprende que los cervenses están muy implicados en la separación de residuos y que el nivel de concienciación medioambiental sigue creciendo”, especialmente tendo en conta o aumento das achegas de aceite, pilas ou a utilización do servizo de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos, uns residuos altamente contaminantes e prexudiciais para a nosa contorna natural.
Á hora de facer unha valoración sobre a redución de lixo orgánico que se depositou no contedor verde e tamén o volume de residuos que remataron nos colectores amarelo, azul e o iglú, Alonso considera que “esas cifras son muy positivas porque hemos xenerado menos basura que el año 2011” e explica ao mesmo tempo que “probablemente tengan mucho que ver con una disminución en el consumo o en la adquisición de hábitos más responsables y respetuosos con el medio ambiente”.











