Os “Encontros coa arte” de Brión atopan proxección en Cataluña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocalLocal Portada
A-
A+

Os “Encontros coa Arte”, unhas xornadas de convivencia e creación artística creadas polo Concello de Brión nas que participan artistas plásticos e escritores de toda España, veñen de atopar proxección máis aló de Galicia, concretamente no municipio catalán de Castell-Platja d´Aro. Esta vila xerundense vai organizar os días 26, 27 e 28 de abril un intercambio artístico Galicia-Cataluña no que participarán artistas de ambas comunidades.

Baixo a denominación de “Encontro de Arte. De l’Empordà a Galicia”, unha decena de artistas galegos participan xunto con catorce creadores cataláns nunha exposición colectiva que permanecerá aberta ao público ata o día 5 de maio. Os pintores galegos, acompañados pola concelleira de Cultura, Patricia Vázquez, e polo técnico de Cultura, Alberto Álvarez, desprazaranse ata a localidade xerundense durante unha fin de semana, convidados polo Concello de Castell-Platja d’Aro. Alí participarán en tres xornadas repletas de actividades artísticas e culturais onde os lazos históricos e culturais entre o Atlántico e o Mediterráneo, Galicia e Cataluña, estarán moi presentes.

Espírito nacido en Brión

O Concello de Brión leva organizando dende 2006 os “Encontros coa arte”, unhas xornadas de convivencia e creación artística nas que participan unha vintena de artistas: pintores, escultores, escritores, fotógrafos… Durante a súa celebración, os creadores participan en diferentes actividades: obradoiros de pintura do natural, conferencias, charlas e exposicións. Cada ano homenaxéase unha destacada figura das nosas letras, dende Rosalía de Castro (2006) ata Alfonso R. Castelao (2012) ou a figura deste ano: Roberto Vidal Bolaño, dramaturgo que pasou os seus últimos anos en Brión e ao que este ano está dedicado o Día das Letras Galegas.

A proxección dos “Encontros coa Arte” superou nas súas últimas edicións o ámbito municipal, para espertar a atención doutras localidades por esta actividade. Hai dous anos, os artistas desprazáronse ata Pontemaceira, no veciño municipio de Ames, para levar a cabo unha sesión de pintura ao natural. En 2012, o Concello de Rianxo colaborou na organización do “Encontro coa Arte: Lembrando a Castelao”, dado o interese da vila mariñeira en participar na homenaxe a un dos seus fillos máis ilustres. Este ano 2013 será a vila xerundense de Castell-Platja d’Aro a que formará parte do espírito dos encontros artísticos celebrados en Brión.

22 de abril de 2013 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.