Os beneficios dun bo almorzo en Baiona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaLocal
A-
A+

Medio centenar de nenos e nenas de Baiona participan, mañá mércores 24, nun almorzo saudable elaborado por unha experta nutricionista. Os alimentos que degustarán os escolares serán cociñados e servidos polos alumnos do Obradoiro de Emprego mancomunado que se está a desenvolver na Residencia de Tempo Libre de Parrulos.

Esta actividade ten dous obxectivos, por un lado permitirá aos máis pequenos aprender a mellor forma de alimentarse e os produtos máis recomendables e saudables á vez que apetecibles. Os escolares tamén participarán na elaboración do pan que máis tarde tomarán.

Outro dos fins é dar a coñecer os avances e progresos dos alumnos do Obradoiro, recordar que 30 alumnos (15 cociña e 15 camareiros) do Val Miñor se preparan mediante este programa da Xunta para acceder ao mundo laboral nas mellores condicións.

Tras o xantar os escolares de Baiona trasladaranse ata a casa do concello baionés, onde serán recibidos polo alcalde e outros membros do goberno municipal. Ás 12:30 horas está previsto realizar a entrega de premios aos gañadores do concurso de Algas, no que participaron 117 alumnos pertencentes a distintos centros escolares do municipio.

Os traballos que agora se premian son froito dos coñecementos adquiridos polos escolares durante a campaña de promoción e coñecemento do mundo das algas, desenvolvida meses atrás polas concellarías de Educación, Pesca e Marisqueo.

Tras as charlas e as visitas intermareais levadas a cabo, os escolares deron renda solta á súa imaxinación, plasmando os coñecementos adquiridos durante a actividade elaborando debuxos, receitas e redaccións sobre as algas.

Os traballos presentados a concurso serán expostos a partir de mañá no vestíbulo da planta baixa do concello e poderá ser visitado polos colexios e polo público en xeral.

23 de abril de 2013 | 16:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.