Os atletas do maratón Coruña42 realizarán un minuto de silencio polas vítimas de Boston
A Concellaría de Deportes informa de que o próximo domingo, 21 de abril, se celebrará un minuto de silencio en recordo das vítimas do atentado acontecido durante o maratón disputado en Boston (Estados Unidos). Ademais, repartiranse crespóns negros entre os atletas que participen no II Maratón Atlántico Coruña42.
O Concello da Coruña quere render unha homenaxe aos falecidos nos atentados de Boston, polo que se realizará un minuto de silencio xusto antes do inicio da proba, previsto para as 08.30 horas do domingo na avenida de Montoto. Debido a este tráxico suceso, a Concellaría de Deportes repartirá crespóns negros en sinal de duelo entre os máis de 2.200 atletas que se inscribiron á proba.











