Os artesáns prefiren que a Feira Medieval dure dous días
Unha vez rematada a décimo primeira Feira Medieval de Monforte, que se celebrou o sábado día 30 de marzo, a concellería de Cultura realizou unha enquisa entre os profesionais que participaron na mesma coa intención de coñecer o seu grao de satisfacción e o seu parecer sobre diferentes aspectos da celebración.
As enquisas achegáronse ás 58 paradas participantes, das cales un total de 53 devolvéronas parcial ou completamente cubertas. Os datos que a continuación se ofrecen responden ás opinións vertidas nesas 53 enquisas. As porcentaxes calcúlanse sobre o total de respostas de cada unha das preguntas, xa que houbo persoas que non responderon varias das preguntas efectuadas.
Entre os enquisados, un 45 % (24) xa tiñan participado na Feira Medieval en tres ou máis ocasións, o 13 % (7) era a segunda vez que viñan, o 38 % (20) participaban na Feira por primeira vez, e o 4 % (2) non responderon á pregunta.
En canto á duración da Feira Medieval, o 70 % dos enquisados (37 persoas) prefiren que dure dous días, mentres que o 30 % (16 persoas) decántase por un só día. Das 37 persoas que amosaron a súa preferencia polos dous días de duración, 23 (62 %) elixiron o venres e o sábado como días de celebración, 12 (32%) optaron polo sábado e o domingo, e a 2 (5 %) resúltalles indiferente.
No que respecta ó grao de satisfacción xeral, a nota media global foi de 4 puntos sobre 5. O 90 % (44) das 49 persoas que responderon a esta pregunta manifestaron estar bastante ou moi satisfeitas coa Feira en xeral, mentres que o 10 % (5) dixeron estar bastante ou moi insatisfeitas.
Outra das preguntas referíase ó grao de satisfacción coa organización da Feira, obtendo unha nota media global de 3,8 puntos sobre 5. Das 45 persoas que contestaron esta pregunta 36 (80 %) manifestaron estar bastante ou moi satisfeitas, mentres que 9 (20 %) dixeron estar bastante ou moi insatisfeitas.
Só 37 persoas responderon á pregunta sobre os resultados económicos obtidos na Feira Medieval, das cales 25 (68 %) quedaron bastante ou moi satisfeitas, e 12 (32 %) bastante ou moi insatisfeitas. A nota media global deste apartado foi de 3,2 puntos sobre 5.
En canto ó grao de satisfacción con outros aspectos da Feira Medieval que recollía a enquisa, a nota de valoración media global sobre un máximo de 5 puntos foi a que segue:
-Animación e actividades: 4,1
-Decoración e engalanado: 3,9
-Localización/situación das súas paradas: 3,7
A enquisa realizada ós profesionais dos diferentes postos que participaron na Feira Medieval tamén solicitaba a achega de suxestións para mellorar o evento festivo e a súa organización. Algunhas destas suxestións son as que se detallan a continuación:
-Que os postos se sitúen mais preto uns de outros
-Reservar os postos dos anos anteriores ós que levan máis anos vindo á Feira
-Situar ós artesáns nas mellores localizacións
-Pagar as mesmas taxas aínda que se fagan dous días de Feira
-Poñer máis WC e recollida de lixo
-Facer promocións e rifas para incrementar as vendas
-Non situar paradas nas rúas que están por riba de Sto. Domingo











