Os afeccionados ao Scalextric teñen unha cita no Carballiño
A área de Deportes do concello do Carballiño, xunto coa asociación cultural EVO SLOT, organizaron un campionato de scalextric para o próximo fin de semana, 27 e 28 de abril, nas instalacións do auditorio municipal, en concreto na sala de exposicións.
O campionato comezará ás 17:00 horas do sábado 27, ata as 21:00 horas. Os participantes poderán realizar nese tempo os adestramentos libres e gratuítos. Xa o domingo, dende as 15:30, iniciaranse as verificacións dos coches e a inscrición dos participantes (o prezo de inscrición será de 3 euros), para comezar o campionato ás 16:00 horas. A organización terá a disposición dos que o necesiten coches para poder participar.
Establecéronse dúas categorías para este campionato. Infantil, de 5 a 13 anos, e adulto de 14 anos en diante. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría e un coche de scalextric para os campións.











