Os 80 desempregados do programa “Ferrol Inserta 2” realizan prácticas en empresas da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A concelleira de Emprego e Recursos Humanos do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, informou hoxe de que se está executando a fase de prácticas en empresas dentro do Programa Integrado “Inserta 2” -posto en marcha o 22 de novembro do ano pasado- e que, esta fase de prácticas en empresas, rematará o vindeiro mes de maio. Un total de 21 compañías de Ferrol e comarca participan neste programa do Concello de Ferrol para que os 80 participantes nesta iniciativa de inserción laboral poidan realizar 120 horas de prácticas dentro de sectores como o comercio, alimentación, socio-sanitario e servizos.

O programa está dirixido á formación de persoas desempregadas para mellorar as súas posibilidades de inclusión laboral e conta coa cofinanciación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Así mesmo, os participantes veñen de realizar unha formación transversal nas áreas de: ferramentas informáticas  para a busca de emprego (20 horas) e atención ao cliente (50 horas) e ademais, de maneira paralela a esta formación, executaron  actividades de orientación en grupo destinadas a traballar Habilidades Sociais.

Martina Aneiros lembrou que os beneficiarios do Programa Integrado para o Emprego “Inserta 2”  responden ao seguinte perfil: desempregados e menores de 30 anos, con prioridade para as mulleres e para parados/as de longa duración e persoas en situación de risco de exclusión social. Neste sentido, a titular de Emprego subliñou que o obxectivo da colaboración coas empresa da comarca “é a posta en valor das prácticas en centros de trabalo como alternativa de aprendizaxe e corrección de déficits formativos por parte dos usuarios”. Ao fío disto, a edil ferrolá salientou que “estase manifestando por parte das empresas a vontade de dar continuidade aos convenios de colaboración que permiten o desenvolvemento deste programa integrado para o emprego”.

Plan personalizado de inserción laboral

Así, as cousas, os 80 alumnos/as participantes no “Inserta 2” teñen un seguimento personalizado a través dun dobre sistemas de titorías: colectivas e individuais, de xeito que o seu seguimento é continuo ao longo do programa. Este programa de emprego do Concello de Ferrol realízase coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a través das subvencións para a posta en práctica na Comunidade Autónoma de programas integrados para o emprego durante os anos 2012 e 2013.

26 de abril de 2013 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.