Ortigueira ultima a creación da súa oficina virtual de turismo coa utilización do código QR
Trátase dunha iniciativa común a todas as localidades que forman a Asociación Vilas Mariñeiras para mellorar a información ao visitante. A información en Realidade Aumentada será accesible en breve mediante o código QR e terá unha aplicación residente para smartphones (teléfonos intelixentes)
Este proxecto, aprobado pola asemblea xeral o 31 de xaneiro da asociación de municipios turísticos “Vilas Mariñeiras”, celebrada en Madrid, incorporou xa a práctica totalidade dos contidos das respectivas oficinas virtuais de turismo, que será visible moi pronto na aplicación de web para móbil dende un código QR e que ademais se poderá gozar coa aplicación Layar de realidade aumentada.
Utilizando esta aplicación, Ortigueira e as outras nove Vilas Mariñeiras terán a posibilidade de presentar toda a súa oferta turística, tanto no apartado de recursos turísticos públicos coma de servizos turísticos privados.
A realidade aumentada permite aos usuarios, mediante o seu teléfono móbil, sobrepoñer información turística aos puntos enfocados coa cámara ou visualizados no mapa, grazas á geolocalización dos puntos previamente cargados. É dicir, poderanse ampliar os datos do punto enfocado.
Nesta primeira fase do proxecto estarán dispoñibles ata 30 puntos de interese turístico de cada un dos destinos mariñeiros. Ademais, os establecementos turísticos de cada municipio (aloxamentos e restaurantes) dispoñerán dunha ficha básica totalmente gratuíta.
Outra vantaxe que presenta a aplicación é que está vinculada ao navegador, que dirixe ao usuario directamente ao servizo turístico ou punto de interese seleccionado.
Contidos Código QR
-O menú dispón actualmente de oito apartados: ver, ocio, comer, eventos, durmir, servizos, compra e historia.
-Cando finalicen as revisións de contidos por parte dos respectivos municipios e establecementos, está previsto que o proxecto se complete nos próximos meses coa aplicación residente que será compatible co sistema operativo de IPhone (IOS) e Android, que se poderá descargar gratuitamente no Play Store ou tendas virtuais de cada terminal.
-A aplicación final incluirá a prestación de audioguía mediante locucións sobre cada un dos recursos turísticos.
O grupo Villas Marineras está integrado actualmente polas localidades de Baiona e Sanxenxo de Pontevedra, Ortigueira da Coruña, Viveiro de Lugo; Cudillero, Ribadesella e Llanes de Asturias, e San Vicente de la Barquera, Santoña e Laredo de Cantabria.











