Ortigueira cede un lote de libros para cada unidade de diálise de ALCER Coruña

Entrega dos lotes de libros
O Concello de Ortigueira colaborará co programa “Doar palabras” da Asociación para a loita contra as enfermidades renais (Alcer Coruña). A concelleira de Cultura, Mª Cruz Sabio, entregaba este mediodía a Vicente Soeane, membro da directiva da entidade, un total de nove lotes de publicacións municipais.
“Doar palabras” xorde como un servizo de préstamo de lecturas e novas tecnoloxías existente nas nove unidades de hemodiálises existentes na provincia. Trátase, polo tanto, dunha proposta que brinda aos usuarios destes servizos unha alternativa de ocio para facer máis levadeiro o proceso.
A oferta, que inclúe o acceso libre e gratuíto a libros, revistas e xornais no interior das unidades de diálise constitúese como un servizo de préstamo diario que, con doazóns como a realizada pola casa do concello ortegano, reforza os seus fondos bibliográficos e amplía o catálogo de títulos.
Cada un dos lotes inclúe exemplares das obras editadas polo concello ao longo da última década, dende o libro de fotografía publicado con motivo do 25 aniversario do Festival do Mundo Celta ata a recente recompilación de artigos xornalísticos Antonio Rivera Losada.
En 2013, e coincidindo coa incorporación do sistema wifi ás unidades de diálise, Alcer Coruña proponse ademais completar o programa “Doar palabras” coa incorporación das novas tecnoloxías, proporcionando netbooks e material multimedia aos enfermos/ás.
Cabe recordar que Alcer Coruña desenvolve en Ortigueira, en colaboración co departamento de Benestar Social, o programa “Bule con Alcer” de exercicio físico e psicosocial para persoas con enfermidades crónicas e os seus familiares, proxecto que se desenvolve dende finais do 2012 na piscina municipal (luns e venres de 9:45 a 11:15 horas) e que conta coa participación duns 16 veciños.











