Oroso felicita á E.D. Xuventude Oroso polos éxitos deportivos no Arousa fútbol 7 e no Prebenxamín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalOroso
A-
A+
Prebenxamíns de Oroso

Prebenxamíns de Oroso

O Concello de Oroso felicita ás Escolas Deportivas Xuventude Oroso polos seus recentes éxitos deportivos: a histórica clasificación dos seus alevíns para a fase final do Arousa Fútbol 7 (onde se enfrontarán a equipos de talla mundial como o Real Madrid, o FC Barcelona, Inter de Milán ou Oporto) e o triunfo dos prebenxamíns no I Torneo Prebenxamín Xuventude Oroso, onde gañaron todos e cada un dos encontros.

O concelleiro de Deportes, Luís Rey, felicitou tanto aos rapaces como aos responsables das escolas deportivas pola boa organización do Torneo e polo que cualificou como “fazaña deportiva” dos alevíns, pois “que os rapaces dunha escola deportiva dun concello de 7.500 veciños se impuxeran a outros 80 equipos sen perder nin un partido e vaian xogar agora contra o Real Madrid ou contra o Barcelona ten moito mérito”.

E é que os alevíns da E.D. Xuventude Oroso, de entre 10 e 11 anos, gañaron a fase previa do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7, polo que se clasificaron directamente para a fase final que se disputará o 31 de maio e o 1 e 2 de xuño. Unha fase final na que xa está confirmada a participación de equipos como o Real Madrid, Barcelona, Valencia, Inter de Milán, Oporto, Sevilla ou Español. ”Para eles é como vivir un soño”, explica Luís Rey, “incluso nin o celebraron, case que quedaron en shock e nin sequera poden crer o que conseguiron. Creo que ata que se vexan no campo contra xogadores do Barça ou do Madrid non serán conscientes do que acaban de conseguir”.

Os alevíns da ED Xuventude Oroso fixeron unha clasificación inmaculada: 26 goles a favor por tan só 2 en contra e sen perder nin un só partido. Na liguiña de clasificación para os oitavos de final, os orosáns gañaron tres dos seus catro partidos ante o Pabellón (1-0), o San Tirso (5-0) e o Colexio Apóstol (8-1). Só o Villestro conseguíu un empate sen goles. Na fase final derrotaron ao Xuventude Aguiño (2-0), golearon ao UD Santa Mariña (6-1) e na gran final gañaron por 4-0 ao Orillamar (A Coruña). Rey Villaverde destaca que “isto é case máis importante que gañar a Liga pois non só se impuxeron aos mellores equipos, senón tamén a algunhas seleccións feitas unicamente para este campionato cos mellores xogadores de distintos concellos”.

Campeóns prebenxamíns

Por outra banda, os prebenxamíns da ED Xuventude Oroso gañaron a primeira edición do Torneo Prebenxamín Xuventude Oroso, disputado esta fin de semana no campo municipal Lino Balado de Sigüeiro. Un campo que estivo cheo durante toda a competición e que rexistrou preto dun milleiro de espectadores.

Os rapaces orosáns, de entre 6 e 7 anos, finalizaron invictos o torneo tras gañar todos os seus encontros. Así, os pequenos das ED Xuventude Oroso quedaron os primeiros na liguiña previa tras gañarlles ao Abanqueiro SD (Boiro), Atlético Melide (Melide), EF Boqueixón (Boqueixón), SD Dubra (Val do Dubra) e Narón Balompé Piñeiros (Narón). Na semifinal, a ED Xuventude Oroso venceu á SRD Portuarios (Ferrol) e na gran final se impuxeron por 4-3 ao Montañeiros CF (A Coruña).

3 de abril de 2013 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.