Oleiros informará das vantaxes e beneficios ás que poden acceder as familias numerosas
O concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Consumo do Concello de Oleiros, Ignacio Crespo, mantivo no día de hoxe unha reunión con representantes de AGAFAN, Asociación Galega de Familias Numerosas, co fin de colaborar estreitamente na difusión da actividade desta entidade e das vantaxes e beneficios que poden acadar as familias numerosas que residen no Concello de Oleiros.
Oleiros é un dos concellos onde existen máis familias numerosas de Galicia, de aí a importancia de achegar a todas estas familias a información sobre dereitos, axudas e descontos aos que poidan ter acceso. O asesoramento no caso de reclamacións e queixas é outra dos servizos que ofrece esta asociación, tanto a través da web, como da súa revista e do boletín informativo, e por suposto na propia sede da Coruña.
Desde os Servizos Sociais do Concello de Oleiros acadouse o compromiso de difundir o traballo desta entidade entre as familias numerosas, así como dos trámites para obter o recoñecemento a través do título que expide a Xunta de Galicia.
Desde a asociación amosaron a súa satisfacción ao coñecer os criterios que existen no acceso ás axudas nos Servizos Sociais do Concello de Oleiros, xa que teñen en conta non só os ingresos da unidade familiar, senón tamén o número de persoas que a integran, o que se identifica cunha das reivindicacións desta asociación, que se teñan en conta a renda per cápita familiar para acceder a estas axudas.
As catro escolas infantís que hai no concello, o apoio ao ensino, o fomento de actividades culturais, deportivas e de lecer, foron outros dos temas sobre os que se falou e dos que quedaron gratamente sorprendidos pola política que nesta liña se desenvolve desde o Goberno municipal.











