O terceiro descenso do monte Xalo reunirá a 200 deportistas e numeroso público en Culleredo
Culleredo acolle este sábado, 20 de abril, a terceira edición do Descenso O Xalo, proba deportiva de descenso de Mountain Bike. A competición, proba oficial do Open Galicia 2013, está organizada polo club cullerdense School Riders Team, en colaboración co Concello de Culleredo.
O III Descenso O Xalo reunirá a 200 deportistas, moitos deles veciños de Culleredo, xuntando tamén aos principais deportistas da modalidade de descenso a nivel nacional. De cara á proba, os bikers subirán a pé ata o punto da saída. Dende alí comezará o descenso por unha lousa de pedra natural, aínda que se poderá evitar por unha variante.
Tras este treito, o percorrido conta con zona de curvas e cortados que dan paso a uns saltos, seguido dunha “trialera” que se interna nun bosque de piñeiros e dan paso a unha zona de pedaleo, pasando á zona final do circuíto con curvas rápidas, un cortado e o salto de meta, situada en Celas de Peiro. Trátase dun circuíto longo e rápido de pouco pedaleo, cunha distancia en planta de 2,1 Km e que supera un desnivel de 310 m.
A entrega de números e chips terá lugar de 8.00 a 9.00 horas. Os adestramentos se poderán celebrar de 8.00 a 13:30 horas. A primeira manga está prevista ás 15.30 horas e a segunda ás 17.00 horas. A entrega de trofeos terá lugar 30 minutos despois de finalizar a segunda manga.
A organización dispoñerá no ámbito de meta de servizos como aparcadoiro para público, zonas de avituallamento, aseos públicos e carpas para os equipos. A Policía Local de Culleredo e Protección Civil colaborarán no desenvolvemento seguro da proba.
O Concello de Culleredo anima a gozar dun deporte espectacular, ideal para as posibilidades que ofrece o monte Xalo, dende onde se poderá gozar ademais das vistas ao val de Culleredo.











