O teatro Jofre de Ferrol acolle o vindeiro sábado o musical infantil “El Principito”
A compañía Telón Tolón presenta a súa obra musical infantil “El principito” o sábado 27 de abril no Teatro Jofre. A adaptación do famoso conto de Exupéry comezará ás 20:00 horas e enmárcase dentro da programación escénica dedicada aos máis pequenos que ten deseñado a Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel Reyes García Hurtado.
O espectáculo ofrece ao espectador un novo enfoque no manexo dos códigos da música e do teatro. A obra redúcese a dous personaxes: un adulto -o piloto e o autor da obra, neste caso- e o Principiño. Así xogan ao teatro dentro do teatro. O Principiño, para poder contarlle ao piloto a súa historia, pídelle que interprete mediante improvisados monicreques e sinxelos vestiarios, aos outros personaxes que van aparecendo no libro. Deste xeito, a relación entre ambos personaxes faise máis intensa e verdadeira a través do xogo escénico, converténdose a amizade entre o adulto e o neno no auténtico motor desta coñecida historia.
As cancións da proposta musical non se reducen ao mero elemento decorativo, senón que constitúen a columna vertebral da historia. Unha imaxinativa posta en escena, fidelidade ao texto e música en directo, cun coro de voces infantís.
Venta de entradas
As entradas pódense adquirir a través de internet, na páxina web oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural); ou no propio despacho do teatro municipal











