O servizo de mantemento de Ferrol centra a súa actividade esta semana en Caranza
O servizo municipal de Obras, Reparacións e Mantemento do Concello de Ferrol está a realizar estes días diferentes intervencións de aglomerado de viarios e de reparación de beirarrúas en Caranza, zona da cidade que o primeiro edil Jose Manuel Rey Varela visitará mañá para comprobar xunto cos veciños/as os traballos executados ao abeiro do Plan de Barrios.
Así, os operarios de “Misturas S.A”, empresa adxudicataria do servizo, están a desenvolver un programa de obras de asfaltado e aglomerado en varios puntos de Caranza. Nesta planificación contémplanse intervencións nas rúas Armada Española e Exército Español, así como nas Vivendas de Bazán. Ademais, e no que atinxe á reparación de beirarrúas, programáronse melloras nas situadas na Avenida de Castelao e en Armada Española. Por último, e segundo a previsión de traballos facilitada polos técnicos municipais a “Misturas S.A” tamén están contempladas obras de mantemento na entrada do Centro Cívico do barrio.
Dende o servizo de Obras, Reparacións e Mantemento informase que os traballos realizados nas vivendas de Bazán supoñen a continuidade no desvío do tráfico segundo a zona de actuación que se levan facendo dende o pasado luns, día 22.











