O programa “Vente a ver teatro” de Paiosaco constará de tres comedias na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaCalendarioLocal
A-
A+

A terceira edición do ciclo “Vente a ver teatro” de Paiosaco constará de tres comedias que se escenificarán os venres 12, 19 e 26 de abril.

A Concellería de Cultura, baixo a dirección da edil Patricia Bello, organiza este programa que se vai desenvolver no salón de actos do centro sociocultural de Paiosaco, ofrecendo aos veciños en xeral do Concello da Laracha a posibilidade de asistir ás funcións de xeito gratuíto. En todos os casos as representacións comezarán ás 21.00 horas.

Despois do éxito de asistencia que se rexistra cada ano no tradicional ciclo “Venres Teatrais”, que se desenvolve na Casa da Cultura da capital municipal durante o outono, o Concello da Laracha organiza este ciclo de teatro en Paiosaco desde o 2011, ano que nesta localidade, a segunda máis poboada do municipio, estreou o novo centro sociocultural, que está perfectamente equipado para albergar este tipo de actuacións, cun importante aforo e unha alta calidade acústica no seu auditorio.

12 de abril: Nabiza girl, monólogo de Isa Risco.

A coñecida actriz cómica Isa Risco (Land Rober, Tourilandia, Padre Casares, Air Galicia, …) chega a Paiosaco co seu último monólogo. En Nabiza girl nárranse as aventuras e desventuras dunha superheroína galega e rural. A actuación, dirixida ao público adulto, ten unha duración de 45 minutos nos que non hai tregua nin descanso e na que as risas están garantidas.

19 de abril: O gordo e o calvo van ao médico, con Pedro Brandariz e Fran Rei.

Comedia recomendada para maiores de 12 anos de idade. A compañía Os Sete Magníficos máis Un traerá a Paiosaco esta aventura clown que nos últimos anos foi representada máis de medio centenar de veces por toda Galicia cun notable éxito.

Os protagonistas do espectáculo son os cómicos Pedro Brandariz e Fran Rei, actualmente colaboradores no programa Luar, da Televisión de Galicia. A comedia trata de romper co mito da seriedade dos medicamentos e os tabúes da sanidade baixo a escusa da inauguración dun novo centro de saúde na vila. Dous políticos descobren a placa conmemorativa e, de paso, aproveitan a ocasión para falar das melloras na sanidade promovidas polo seu goberno.

26 de abril: Malos hábitos, con Camila Bossa e Iolanda Muíños

A nominación das dúas actrices protagonistas aos premios María Casares de teatro deste ano precisamente polo seu traballo en Malos hábitos é un claro indicativo da calidade da obra.

As televisivas Camila Bossa (Mareas Vivas, As leis de Celavella, Matalobos, …) e Iolanda Muíños (Pratos Combinados, Libro de Familia, …) son en Malos hábitos dúas peculiares monxas de clausura que mostran algunhas das súas malas costumes nesta comedia picante e divertida.

1 de abril de 2013 | 12:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.