O polideportivo da Malata de Ferrol acolle o Campionato Galego de Atletismo Absoluto
A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, acompañada polo presidente do Club de Atletismo Ría Ferrol, Marcelo Crespo, presentou esta mañá o Campionato Galego de Atletismo Absoluto en categoría feminina e masculina. O evento deportivo terá lugar o vindeiro sábado, día 13 nas pistas do complexo polideportivo municipal de A Malata.
Nesta edición xa está confirmada a participación dun total de 13 clubs procedentes de todas partes de Galicia; seis de categoría feminina e sete de masculina. Cada equipo aportará polo menos vinte atletas polo que se darán cita arredor de 300 deportistas que competirán en vinte probas tanto en homes como en mulleres.
O presidente do Ría de Ferrol quixo destacar que o campionato só contará con atletas galegas; sinalando que “a nosa filosofía é que tódalas de aquí compitan” e o obxectivo do club quedar polo menos entre os oito primeiros postos da clasificación. Así mesmo, recordou que nos últimos cinco anos o equipo feminino fíxose ca medalla de ouro, a excepción do ano pasado que foron subcampionas. Ademais do club ferrolán, entre as agrupacións participantes destacan o Celta de Vigo, a Sociedade Gimnástica de Pontevedra e o Lucus Caixa Rural da capital lucense.
A edil de Deportes quixo felicitar aos organizadores do evento e desexar toda a sorte ao Club de Atletismo Ría de Ferrol, para que como en anos anteriores remate no máis alto do podium e “polos bos resultados do club ao longo do ano”.











