O pleno de Teo inicia o expediente de contratación do servizo das escolas infantís
A corporación teense reúnese este xoves 25 de abril para celebrar a sesión ordinaria do pleno deste mes. O debate terá lugar, como xa é habitual, en horario de tarde, ás 20:00 horas, para facilitar a asistencia das persoas interesadas e celebrarase no salón de sesións da Casa Consistorial, na Ramallosa.
Un dos puntos que se debaterá é a aprobación do expediente de contratación do servizo das escolas infantís municipais de Calo, Os Tilos e A Ramallosa. O contrato actual remata o 31 de agosto e faise necesario comezar a nova contratación. No pleno acordarase a aprobación dos pregos técnicos e administrativos. Este contrato sacarase por tres anos cun custe anual de 405.000 euros. Unha das novidades que recollen as prescripcións é que non se terá en conta a baixa económica e o que máis se primará será o aspecto pedagóxico e de xestión.
Pola súa banda o edil de Servizos Básicos, Xurxo Francos, presenta unha moción na que lle solicita á Xunta de Galicia que acometa as obras de mantemento e conservación axeitadas nas vías de servizo e nos accesos da autovía AG-59. Segundo se explica no escrito existen demandas veciñais que piden a limpeza das vías de servizo para poder acceder ás súa propiedades. A proposta tamén se apoia en informes da Policía Local e do Servizo Municipal de Emerxencias que alertan do abandono en materia de conservación. A petición céntrase na mellora da limpeza de maleza.











