O pleno de Ordes acorda a dimisión dos seus concelleiros no caso de imputación xudicial por motivos políticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrdes
A-
A+

O pleno municipal de Ordes acordou onte por unanimidade a dimisión de calquera concelleiro que sexa imputado nun proceso xudicial por motivos relacionados coa súa actividade política. Unha proposta lanzada dende a bancada do BNG e coa que “se pretende transmitir unha mensaxe de tranquilidade a todos os veciños e veciñas de Ordes nunha época na que a imaxe e concepción dos políticos e da súa labor é moi negativa”, según palabras do voceiro do BNG Gonzalo Castro.

Outra moción aprobada foi a relacionada co copago dos comedores escolares. Dende o BNG e o PSOE criticáronse enérxicamente as axudas e subvencións aportadas aos centros escolares concertados (240 millóns de euros), sobre todo no caso daqueles que segregan o alumnado por sexos (3 millóns de euros). Ínstanlle á Xunta a eliminación deste copago e a ampliar este tipo de apoio ás familias con fillos escolarizados en educación Infantil e Primaria con poucos recursos. Tamén a que se vele polo dereito á educación en igualdade de condicións e á eliminación das tasas de servizo de comedor previstas para o vindeiro curso “por ser un novo machazo ás clases medias traballadoras”, argumentou Xesús Pedreira. Finalmente a iniciativa prosperou cos votos a favor de todas as forzas políticas agás o PP, que considera “que estas medidas contribuen a salvagardar unha ensinanza de calidade e igualitaria para todos os nenos e nenas, xa que o pago vai en consonancia coas posibilidades de cada fogar”.

En relación co estado e pistas rurais aprobouse cos votos de todos os partidos menos UXO a moción presentada polo BNG e PP. Nesta demándase a creación dun inventario do estado dos viais para elaborar un plan de traballo por parte do Concello, onde se especificarían tanto cuantía como as datas de execución.  De non estar solventados todos os problemas antes do 30 de setembro o Concello estudiará a fórmula para poder aplicar unha compensación dun 20% no imposto de vehículos de tracción mecánica, medida esta solicitada polos nacionalistas. Según palabras do alcalde “as pistas que están en mal estado son as da concentración parcelaria e hai que ter en conta os meses de inverno e auga que levamos soportado. Mantivemos xuntanzas cos madeiristas para tratar de buscar solucións e comprometéronse a arranxalas unha vez que rematen a súa labor”. Con respecto á compensación económica Regos asegurou “que os informes dos técnicos a rexeitan por cuestións legais entre outras, así que nós non podemos apoiar este punto”.

A primeira das mocións do PSOE foi aprobada por todos os partidos. Ésta atendía ó caso das preferentes instándolle á Xunta de Galicia a que se dote dos medios necesarios ao sistema de arbitraxe para axilizar o procedemento, facer públicos os criterios de inclusión ou exclusuión na arbitraxe, a prestación de asesoramento xurídico aos afectados e, por último, a retirada do sistema de quitas.

Os socialistas tamén solicitaron a creación dun fondo de emerxencia dotado con 1.000 millóns de euros, xa que o 21% da población española vive por baixo do umbral da pobreza. Unha medida que posibilitaría aos concellos que os seus servizos sociais poidesen atender a todos os usuarios con axudas destinadas a productos de primeira necesidade ou gastos relacionados coa vivenda. Ademais, según os socialistas con este investimento acadaríanse uns 30.000 novos empregos.  Por parte do PP especificouse que a cifra aportada na moción “non solucionaría nada xa que repartir eses cartos entre os aproximadamente 10 millóns de pobres supón 100 euros por persoa. E con iso non se consegue nada”. Precisou o voceiro popular José Luis Martínez. Finalmente os votos a favor por parte do equipo de goberno local e dos concelleiros de CIDGA, BNG e PSOE supuso a aprobación do texto.

Na sesión de onte, e por motivos persoais, formalizaron a súa dimisión os concelleiros do BNG Gonzalo Casto e Montse Rei. Para os dous houbo palabras de ánimo e recoñecemento por parte de todas as forzas políticas, recoñecendo a labor realizada durante estes últimos anos. Pola súa banda Castro asegurou que seguirá “traballando por Ordes. Un lugar que me volveu a acoller cos brazos abertos e co que manteño firmemente o meu compromiso”. Castro tamén tivo palabras de ánimo para Ramiro Recouso e Pablo Vidal, quenes a partir do vindeiro mes ocuparánn os dous escanos baleiros dende onte.

26 de abril de 2013 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.