O Plan RUA chega esta semana ao barrio de San Pedro de Visma

Salvador na visita a San Pedro da Visma
O concelleiro de Medio, Enrique Salvador, e a concelleira de Barrio, Susana Pazo, visitaron esta mañá o barrio de San Pedro de Visma con motivo do inicio das actuacións do Plan RUA. Así, durante os próximos tres días, esta iniciativa desenvolverá os traballos en 10 rúas da devandita zona, dentro da segunda fase do Plan e actuará sobre un total de 22.000 metros cadrados.
Neste barrio realizaranse distintas actuacións como a limpeza e reparación de 50 colectores e 10 papeleiras e a limpeza duns 1.200 metros lineais da rede de rede de sumidoiros da zona. Ademais levarase a cabo o mantemento do parque infantil e dos xardíns e zonas verdes da zona e repararanse 5 deficiencias na iluminación pública.
Despois da súa actuación no barrio de San Pedro de Visma, o Plan RUA retomará a súa actividade o próximo xoves 18 de abril no barrio de Lonzas, onde permanecerá outros tres días. Despois tocaralle a quenda a Catro Camiños (do 22 ao 26 de abril), Durmideiras (do 27 ao 30 de abril), Palavea (do 2 ao 4 de maio) e Os Rosales (do 6 ao 13 de maio), onde concluirá a segunda fase do Plan RUA despois de 36 días de actividade.
Balance
A segunda fase do Plan RUA arrancou o pasado 1 de abril na zona do Ensanche, na que permaneceu 6 días. Antes de San Pedro de Visma, o Plan tamén actuou no barrio da Sagrada Familia no que, ao longo doutros seis días, entre o 8 e o 13 de abril, realizou os traballos planificados en 34 rúas, prazas e aparcadoiros e se actuou nun total de 37.848 metros cadrados.
Entre outras accións, limpáronse ou repararon 240 colectores e 68 papeleiras, limpáronse uns 1.340 metros lineais da rede de rede de sumidoiros e realizouse o mantemento do parque infantil e dos xardíns e zonas verdes da zona.
A segunda fase estenderase ata o 13 de maio. O día 27 de maio arrancará a terceira fase e pasará por Monte Alto, Agra del Orzán, Zalaeta e Os Castros ata o 29 de xuño.











