O PEPRI permitirá a dignificación dos espazos públicos e recuperar a imaxe urbana do corazón da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado polo equipo redactor do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán e técnicos da Concellaría de Urbanismo, mantivo unha reunión con representantes da Asociación Comercial Área Obelisco para informalos sobre o documento e escoitar, de primeira man, as súas inquietudes e suxestións.

O responsable de Urbanismo explicoulles que o obxectivo principal do PEPRI é a recuperación da cidade histórica e que, por este motivo, o documento propón unha serie de actuacións que permitirán dignificar os espazos públicos e recuperar a imaxe urbana. Isto supón, entre outras cuestións, a posibilidade de regular os elementos do mobiliario urbano a través de proxectos específicos e que cada área na que se subdivide o ámbito poida ter unha unidade que facilite a percepción e desfrute do espazo. Neste sentido, Fernández Prado aclarou aos comerciantes que, tanto a través do PEPRI como da Ordenanza de terrazas, se poden propoñer proxectos ou ordenacións singulares de rótulos, toldos ou terrazas.
Os comerciantes, pola súa banda, trasladaron ao concelleiro e o seu equipo a súa preocupación polo aparcadoiro e solicitaron, entre outros asuntos, un esforzo por integrar o proxecto da Mariña no conxunto da cidade e unha serie de actuacións que, a través dun cambio estético e ambiental, actúen como reactivadores da economía. Solicitaron, por exemplo, que se estude o tema da recollida de lixos e cartóns nas zonas comerciais. Martín Fernández Prado comprometeuse a analizar as súas demandas.

Nas próximas semanas, o concelleiro e o equipo redactor do PEPRI manterán encontros o Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación; Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario; Colectivo 15001; Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos; e Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Esta iniciativa é unha clara aposta do Goberno local pola transparencia do documento e o seu proceso de redacción e aprobación, así como por fomentar a participación e implicación dos veciños na súa elaboración. Súmase a outras medidas que perseguen este mesmo obxectivo como a notificación individualizada da aprobación inicial do documento aos 12.000 veciños; a exposición pública que se pode visitar na Casa de Cultura Salvador de Madariaga; a web www.coruna.es/urbanismo; e a formación dun equipo de traballo que, cita previa, atenderá persoalmente a cada comunidade de veciños ou propietario que demande información.

25 de abril de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.