O Pazo da Cultura celebra o Día Internacional do Libro coa presentación do novo libro de Agustín Fernández Paz
Con motivo da celebración do Día Internacional do Libro, o Pazo da Cultura acollerá a presentación do novo libro do máis que premiado Agustín Fernández Paz, amigo e colaborador habitual do Salón do Libro. Será o propio día 23 ás 11:00 horas no Salón de Actos, cando o autor, acompañado de Manuel Bragado editor de Xerais, fale con 50 nenos/as sobre o seu último título infantil “Desde unha estrela distante”. Nel narra a historia de Daniela que, mentres pasa uns días na casa da súa avoa antes de mudarse coa súa familia a unha nova cidade, coñece un rato que fala e que en realidade, é un extraterrestre!
Agustín Fernández Paz, (Vilalba, 1947) é unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea. Publicou entre outras obras: Contos por palabras (1991), Trece anos de Branca (1994),; Cartas de inverno (1995), Amor dos quince anos, Marilyn (1995), relatos; O centro do labirinto (1997), novelaNoite de voraces sombras (2002); Tres pasos polo misterio (2004); Corredores de sombra (2006); O único que queda é o amor (2007),; Lúa do Senegal (2009); Non hai noite tan longa (2011) e Fantasmas de luz (2011). A maior parte da súa obra está traducida a todas as linguas ibéricas, coreano, árabe e francés e recibíu numerosos recoñecementos ao longo da súa traxectoria coma o Premio Xosé María Álvarez Blázquez (2008), a Letra E (2009) da AELG; o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Foi o candidato da OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award e en 2011 foi escollido pola OEPLI como o candidato español ao Premio Andersen 2012.











