O Museo da Minería de Fontao recibe a visita de membros da “International NationalTrustsOrganisation” do Reino Unido

Igrexa de Fontao
O pasado 16 de abril o Museo da Minería de Fontao recibíu a visita dun grupo de profesionais vinculados ao patrimonio industrial e mineiro, membros da International NationalTrustsOrganisation do Reino Unido (INTO).
A realización da visita a Fontao foi acordada meses atrás e enmárcase nun programa máis amplo dirixido a descubrir e estudar a potencialidade do patrimonio de Galicia. Neste traballo de preparación da viaxe a organización internacional considerou a Fontao dende o primeiro momento por reunir unha serie de factores moi acordes cos obxetivos da INTO.
A posta en valor dun patrimonio pouco coñecido, o aceptable do estado de conservación do conxunto de instalacións mineiras, o esforzo realizado ata a data no poblado mineiro, a posta en marcha da primeira fase do museo de Fontao, así como as boas comunicacións e a rica paisaxe natural na que se atopa o conxunto, foron algún dos motivos que chamaron a atención en Fontao desta organización.
Tras pasar a noite no balneario de Laias, o grupo dirixeuse a Fontao. Durante o traxecto en autobús dos visitantes proxectouse un video en inglés sobre a historia de Fontao e a rehabilitación dos edificios de servicios comúns nos que se está poñendo en marcha a primeira fase do museo. Ás dez da mañá foron recibidos polo director do Museo, Diego Casal, no auditorio para que tras unhas palabras de benvida, empezara a visita que por motivos de axenda do propio grupo duraría unha hora e media.
Durante ese tempo o grupo, encabezado por Oliver Maurice e Catherine Leonard, mostrou gran interés pola apertura do museo e as dificultades que entraña un proxecto como este para un municipio pequeno, alabando os esforzos realizados e animando a continuar na mesma línea.
Dentro da visita á parte administrativa do complexo, o grupo interesouse pola presencia dos ingleses en Fontao e pola historia da mina en xeral.
Ao final do percorrido todos coincidiron na necesidade de volver a Fontao, prometendo facelo noutra visita que realicen a Galicia e na que dispoñan de máis tempo para poder visitar o conxunto das instalacións.
En palabras do propio director do Museo Diego Casal, nesta visita establecéronse novos e importantes vínculos que seguro axudarán a conseguir o desexado obxetivo de convertir o conxunto das instalacións mineiras no Parque da Minería de Fontao.











