O Mosteiro de Santa Catalina acolle as xornadas de tecnificación de Tiro con Arco
O Concello de Ares colabora nas que serán as primeiras xornadas de tecnificación da Federación Galega de Tiro con Arco (FGTA), que organiza o Clube Ares-Arco e se desenvolverán esta fin de semana (tanto o sábado 6 como o domingo 7) no mosteiro de Santa Catalina.
A esta convivencia acudirán arredor de 18 arqueiros chegados de toda Galicia cun futuro prometedor neste deporte, que pasarán a fin de semana no cenobio aresán e durmindo nas liteiras que ten dito espazo. A este respecto, dende o Clube Ares-Arco indican que os arqueiros, xunto cos seus monitores adestradores e os tecnificadores da FGTA Luis Vera e Magda Beltrán, disfrutarán durante os dous días dun magnífico entorno do Concello durante os momentos de descanso que terán nunhas xornadas nas que tamén traballarán duramente.











