O mercado de Ares realiza o primeiro sorteo da campaña “Presume de praceiro”
A concelleira de Comercio, a socialista Alma Barrón, participou esta mañá no mercado de abastos local no primeiro dos sorteos da campaña “Presume de praceiro e praceira”, unha iniciativa na que o Concello de Ares colabora un ano máis, e que contou coa presenza dunha representante da Xunta para garantir o correto desenvolvemento de dito sorteo.
Coa asistencia de varios dos veciños e veciñas participantes nesta iniciativa, procedeuse por parte de “mans inocentes” ao sorteo dos tres premios entre os cupóns cubertos e depositados nunha urna polas persoas que realizaron dende o pasado mes de marzo as súas compras nestas instalacións comerciais, consistentes en cheques de compra para compras no mercado por valor de 75, 50 e 25 euros. Nesta ocasión, as agraciadas –todas mulleres- foron Evangelina Varela, cun cheque de 75 euros, Pilar de Pazos, co de 50, e Tucha Fernández, gañadora dun cheque de 25 euros en produtos do mercado de abastos local.
O vindeiro sorteo o derradeiro sorteo desta edición de “Presume de praceiro e praceira”, que ten como obxectivo o de dinamizar os mercados e por en valor a calidade dos produtos que se venden nestes espazos e a profesionalidade dos praceiros e praceiras –de feito, nos cupóns os clientes deben indicar o número do posto do seu praceiro ou praceira favorito, que se determina unha vez que remate a campaña-, terá lugar o 3 de maio. Neste caso tamén haberá tres premios idénticos aos de hoxe.
Os cheques, como informou a Dirección Xeral de Comercio, serán cambiables unicamente no propio mercado en forma de descontó nas compras que realicen as persoas agraciadas. A validez destes cheques rematará o 31 de maio.











