O martes remata o prazo para solicitar as subvencións ás asociacións culturais en Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia recorda que este martes, 9 de abril, remata o prazo para que as asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade na localidade soliciten as subvencións que outorga anualmente. As solicitudes débense presentar no rexistro xeral do concello, acompañadas da documentación esixida nas bases. “O obxectivo das axudas é que as asociacións organicen actividades e unha programación activa para que participen os veciños de Ribadumia, para que se estableza unha relación real entre asociacións e cidadanía”, valora a alcaldesa Salomé Peña, que resalta que “o Concello vai facer un importante esforzo para poder colaborar coas asociacións e permitir que continúen desenvolvendo a súa actividade”.

Acción social

As bases, que foron actualizadas e aprobadas o ano pasado, recoñecen unha nova tipoloxía de asociacións que poden acollerse ás subvencións municipais. Así, ademais das culturais, deportivas e veciñais, tamén se outorgarán axudas ás entidades de acción social, é dicir, que fomenten a mellora da calidade de vida das persoas. Esta tipoloxía de asociacións e de accións subvencionables máis ampla permitirá unha maior equidade no reparto das axudas. Ademais, buscan evitar a duplicidade de axudas e teñen en conta aspectos como a calidade e a innovación das actividades propostas e que teñan repercusión socioeconómica para o concello.

Os criterios de concesión das axudas para as asociacións ou entidades de acción social valorarán aquelas actividades que teñan como fin medidas para encamiñar e corrixir situacións de desigualdade; potenciar a participación das persoas que sufran algunha marxinación en todos os ámbitos da sociedade; ou que as actividades propostas estean encamiñadas á integración socio-laboral dos colectivos que representen.

Cultura e deporte

Outras das accións subvencionables poderán ser no eido da cultura, do deporte, das actividades complementarias da educación, festas populares, comercio, promoción socioeconómica, mocidade e actividades sectoriais. Quedarán excluídas as actividades que se realicen de forma puntual no ano, xa que no caso de ser consideradas de interese polo concello, serán subvencionadas de forma puntual e non a través das bases. No caso das actividades desenvoltas no eido da cultura, da educación, promoción socioeconómica, festas populares e comercio, entre outros criterios de concesión valorarase o grao de implicación económica das asociacións na actividade a desenvolver. No caso das subvencións deportivas, inclúese un recoñecemento aos deportes minoritarios ou individuais que sobresaian de forma excepcional na súa faceta deportiva. Neste caso, será a comisión a encargada de valorar o posible patrocinio por parte do concello. Nas bases tamén se prima o apoio ao deporte base a través das Escolas Deportivas.

Documentación e requisitos

No que respecta á documentación a aportar polas asociacións, inclúese memoria explicativa da actividade; orzamento; declaración responsable na que conste se a asociación solicitou calquera outra axuda para financiar esa actividade; declaración responsable de estar ó corrente das obrigas tributarias, copia da acta da asemblea e da aprobación das contas da entidade…

Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos: carecer de fins de lucro; ter o seu domicilio social no Concello de Ribadumia ou realizar actividades de interese municipal; estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións e Clubs; non ter pendente de xustificar ningunha subvención concedida polo Concello de Ribadumia e, por último, estar ao corrente das obrigas tributarias.

4 de abril de 2013 | 09:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.