O “II Club de Debate” elixirá ao equipo que representará á comarca na competición final galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+

O edil de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol, José Manuel Vilariño Anca, lembrou que o vindeiro sábado 6 a Capela do Centro Cultural Torrente Ballester acollerá o II Club de Debate. Trátase dunha iniciativa nacida ao abeiro do Plan Xeral de Normalización Lingüística, na que participan o Concello de Ferrol xunto con outros concellos. Na actividade que busca  fomentar o uso do galego entre a mocidade daranse cita estudantes de tres centros locais: Os IES Leixa e Saturnino Montojo; e o CPR Compañía de María.

O Concello de Ferrol contará na fase local coa participación de seis equipos e cun total de 43 alumnos e alumnas de 4º de ESO e 1º de Bacharelato pertencentes aos tres centros inscritos. As actividades desenvolveranse dende as 09:30 ata as 16:30 horas, cando se coñecerán os equipos gañadores e se dará paso á entrega de premios. Así mesmo, os participantes deberán estar na capela do Centro Torrente Ballester ás 09:00 horas para recoller a documentación e realizar o sorteo de letras e quendas. Desta competición sairá o equipo que representará á comarca na competición final galega, prevista para o vindeiro 4 de maio en Santiago de Compostela.

Os temas dos debates son seleccionados contando coas propostas dos propios centros de ensino e inclúen cuestións relacionadas coa lingua máis tamén outros asuntos de actualidade. O tema da final galega xa está fixado, e será “O galego é unha oportunidade”. En canto aos premios, o equipo gañador da competición local, ademais de disputar a final galega, recibirá un premio en material cultural valorado en 500 euros e para o segundo clasificado haberá outro agasallo, tamén en material cultural, valorado en 300 euros. O equipo que logre o premio final terá a oportunidade de participar nunha viaxe-convivencia dunha fin de semana nun espazo de interese natural e cultural da nosa comunidade.

Uso oral do galego

O edil de Normalización Lingüística sinalou que o Concello de Ferrol volve participar activamente nesta segunda edición do “Club de Debate”  porque “é unha actividade centrada na mocidade, que procura activar o uso oral do idioma en contextos formais, como son os propios debates, e informais, durante a convivencia entre os participantes o tempo que dure a actividade”. Así mesmo, Vilariño Anca resaltou desta iniciativa o feito de que “os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre os temas dos debates que achega nocións, datos e argumentos e tamén teñen moita importancia outras cuestións transversais como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte a diversidade de opinións e o traballo en equipo”.

O xurado

Respecto aos membros do xurado, estará formado por cinco persoas: Carlos Agulló Leal, xornalista e director da delegación en Ferrol de La Voz de Galicia; María Begoña, profesora de lingua e literatura galego no ensino secundario; Xaime Bello Costa, profesor de ensino secundario e ex-alcalde do Concello de Ferrol; Amador Loureiro Blanco, matemático e TICformático por vocación, con ampla experiencia en novas tecnoloxías e proxectos web; e Carlos Miragaya Casteleiro, xornalista e director de Diario de Ferrol.

3 de abril de 2013 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.