O II Certame Lidera Ferrol da Concellería de Xuventude recibe case 120 proxectos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O concelleiro de Xuventude do Concello de Ferrol, Borja Carro Muñoz, comunicou hoxe os datos de participación para segunda edición do programa Lidera Ferrol, unha vez pechado o prazo de presentación de propostas. A iniciativa, posta en marcha por primeira vez en Ferrol neste mandato, ten o obxectivo de premiar e poñer en valor o talento creador e artístico do colectivo xuvenil da cidade.

O éxito da primeira edición con 32 propostas multiplicouse nesta segunda edición por catro, acadando unha participación de 118 proxectos nas diferentes categorías, tanto individuais como colectivos. Compre lembrar, que Lidera Ferrol 2013 vai dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e 30 anos –ambas incluídas- e que está integrado por oito modalidades: Curto/Videoarte; Deseño de soportes dixitais; Fotografía; Música; Deseño de produto; Cómic/Relato curto; Pintura/Escultura e Teatro/Danza. Ademais, a iniciativa -pioneira en Galicia- mantén as bases e filosofía da edición do ano pasado, cun incremento no número e contía dos premios como novidade, posto que serán un total de 8.000 euros a repartir entre os tres primeiros gañadores de cada unha das categorías; sendo un primeiro premio de 600 euros, un segundo de 300 euros e un terceiro de 100 euros.

Entrega de premios

A gala de entrega de premios aos gañadores de cada unha das modalidades será o venres 19 de abril ás 20:30 horas no Teatro Jofre. A entrada ao acto é gratuíta, mediante invitación que se poderá retirar en vindeiras datas no despacho do teatro municipal.

Ademais, a cerimonia contará coa actuación do grupo madrileño Lagarto Amarillo formado por Pablo Mora e os seus irmáns Patricia e José. A agrupación combina o seu gran talento musical coa altura poética das letras e un magnético sentido do espectáculo. “Estoy mintiendo de verdad”, o seu novo disco, viu a luz en febreiro de 2012 entrando directamente nos primeiros postos da lista oficial de venda de discos. Tralo primeiro éxito do seu álbum, “Dejarse la piel” presentan o seu segundo single, “Culpable”, que se converteu nun gran éxito en radio, televisión e internet.

4 de abril de 2013 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.