O Goberno municipal levará ao pleno de maio a aprobación definitiva da nova ordenanza de terrazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A concelleira de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, anunciou esta mañá que, finalizado o prazo do trámite de información pública da ordenanza municipal de terrazas e resoltas as alegacións presentadas, a nova normativa someterase a aprobación definitiva na próxima sesión plenaria, que se celebrará o 6 de maio.

A responsable municipal informou de que se presentaron 13 escritos de alegacións. “Das alegacións analizadas, tres escritos correspóndense coas presentadas polos grupos da oposición, e outras corresponden coas asociacións de veciños de Enseada do Orzán, Castrillón-Urbanización Soto Iar, e Cidade Vella, a asociación para a dinamización económica e social de Elviña II Fase, e a Federación de Asociacións de Veciños da Coruña e Área Metropolitana; ademais doutros catro escritos presentados por particulares”, sinalou Freire.

A concelleira destacou que, analizadas as alegacións, o Goberno municipal cumpriu o seu compromiso de incorporar aquelas propostas que completan a ordenanza de terrazas. Incorporamos as que melloran o texto normativo, pero tivemos que desestimar moitas suxestións porque xa estaban incluídas na ordenanza, e outras porque resultaban remisións innecesarias dende o punto de vista de técnica normativa, porque se referían a cuestións que non son competencia da ordenanza, e outras porque claramente desvirtuarían o texto ou ben non se axustarían a dereito”, especificou Begoña Freire.

A concelleira de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público indicou que, do mesmo xeito que se reuniu con asociacións de veciños e particulares para informalos do contido da ordenanza aprobada inicialmente, empezou agora unha rolda de encontros para explicarlles o texto definitivo, coas novas suxestións que se incluíron.

Freire destacou que o Goberno municipal demostrou na tramitación da ordenanza de terrazas a transparencia, participación e consenso na súa elaboración: Traballamos para que esta nova ordenanza conte tamén coa participación de veciños, hostaleiros, asociacións de persoas con mobilidade reducida, e con moitos colectivos e axentes aos que lles pedimos participación para sumar no traballo que temos por diante”, sinalou a concelleira.

“Sobre as alegacións presentadas polos partidos da oposición, algúns a bombo e prato, non podo menos que mostrar a miña profunda decepción. O grupo municipal socialista, por exemplo, que tivo dez anos para mellorar e actualizar a ordenanza e non o fixo, propón agora redución de horario das terrazas. As súas alegacións chaman a atención porque foron as máis restritivas co horario, cando algunhas asociacións veciñais formulan reducións de horario menores porque entenderon perfectamente as garantías e medidas que introduce a norma para garantir o descanso veciñal, para que se cumpra a norma, e para compatibilizar os intereses de hostaleiros, veciños e peóns,” explicou Freire.

Freire mostrou a súa sorpresa porque o grupo socialista criticase a suposta permisividade dos horarios das terrazas desta nova ordenanza, cando o que recolle a norma é unha redución respecto á anterior durante dez meses para garantir o dereito ao descanso dos veciños. “A nova norma fixa un horario xeral para todas as terrazas en función da época do ano e dos días da semana. Na ordenanza de 2002, o horario de peche era ás 02.30 horas, un horario co que o PSOE estaba de acordo cando gobernaba e agora, que o reducimos, din que lles parece pouco”, lamentou a concelleira.

“Tamén resulta sorprendente que o PSOE, que nunca constituíu a Comisión Especial de Terrazas nin lle interesou a participación dos veciños nin dos hostaleiros, a considere agora unha peza fundamental e queira dalo tal relevancia que sexa capaz de substituír á propia administración e aos propios técnicos municipais, obviando a legalidade e o procedemento administrativo,” explicou Begoña Freire.

A Comisión Especial de Terrazas que fixou este equipo de goberno na ordenanza é un órgano de participación, asesoramento, coordinación e control, e cuxas funcións, composición, organización e réxime de funcionamento se regulará de xeito inmediato en canto o texto entre en vigor. “Esta comisión vai ser un órgano de traballo, para sumar na posta en marcha do novo texto normativo, e para sacarlle o máximo rendemento para mellorar os nosos espazos públicos, gozar máis da nosa cidade e mellorar a calidade de vida dos cidadáns”, recalcou.

“Temos unha norma moderna e adaptada á nosa cidade, que servirá de marco xurídico estable para lograr un equilibrio entre os intereses de hostaleiros, veciños e peóns, para dotar de maior seguridade xurídica ao sector da hostalaría para o desenvolvemento do seu traballo, e ao resto de interesados, para garantir o dereito ao descanso dos veciños e o tránsito peonil a través dunha utilización racional do espazo público”, concluíu Begoña Freire.

26 de abril de 2013 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.