O Goberno municipal garante o correcto funcionamento dos colectores soterrados
O Concello da Coruña, por proposta da Concellaría de Medio, licitou o mantemento, limpeza e reparación das 129 illas de colectores semisoterrados de residuos orgánicos e inorgánicos que existen na cidade. O Goberno local saca a concurso este servizo por 61.000 euros anuais. O contrato será por catro anos, aínda que prorrogable por dous máis.
Medio destaca que se trata de instalacións que se usan a diario tanto polos usuarios coma polos servizos de recollida de residuos. Por este motivo, os colectores requiren dun servizo de mantemento que garanta o seu correcto funcionamento e conservación. En total, son 129 colectores semisoterrados: 57 de residuos orgánicos de 1.300 litros; e 72 de residuos inorgánicos de 3.000 litros.
A empresa adxudicataria encargarase cada dous meses dos labores de mantemento preventivo nestes colectores. Así, realizará revisións, tanto do exterior das estruturas (estado da pintura das tapas, do revestimento, dos anagramas do Concello e do tipo de residuos, ademais da súa limpeza) como do seu interior (comprobación da ancoraxe das tapas, do funcionamento da cuba, de articulacións e parafusos, e dos ganchos de elevación). Cando se produza unha avaría, a empresa deberá acudir nun prazo máximo de 24 horas tras recibir o aviso. O contrato tamén inclúe a limpeza e desinfección dos equipos de recollida de residuos urbanos.











