O goberno municipal duplica as intervencións do servizo de desbroces na zona rural
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, informou do inicio do proceso de contratación do servizo de desbroce de viarios e limpeza de cunetas na zona rural do municipio, segundo se acordou na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá. Rey Varela, que estivo acompañado do concelleiro de Zona Rural, José Polo, enmarcou este contrato dentro da mellora das prestacións municipais que trae consigo a posta en marcha do novo Plan de Barrios.
Así, no que atinxe a melloras neste servizo de roce e limpeza na zona rural, o primeiro edil da cidade explicou que se duplican o número de actuacións con respecto ao exercicio de 2012, pasando dunha a dúas. Así mesmo, aumenta o presuposto que se destina a estas intervencións até os 114.950 euros (co 21% do IVE incluido). A previsión é que a primeira das intervencións teña lugar entre os vindeiros meses de maio e xullo; e que a segunda se leve a cabo entre setembro e outubro.
Ao respecto, Rey Varela explicou que se efectuarán rozas e limparán cunetas nunha lonxitude total de 201.777,78 metros lineais. É dicir, o Concello de Ferrol actuará en todas as vías e camiños de titularidade municipal situados nas parroquias da Cabana, A Graña, Brión, Doniños, San Xurxo, Esmelle, Covas, Mandiá,, Marmancón, Santa Icía, Leixa e Serantes. Os equipos e medios que se empregarán serán: un tractor-desbrozador, un desbrozador manual e unha brigada composta por catro operarios.











