O goberno municipal censura que se pretendan romper as normas básicas de convivencia democrática impedindo a celebración dos plenos
O Goberno Municipal de Ferrol censura que na mañá de hoxe e por segunda vez un grupo de persoas romperan as normas básicas de convivencia democrática e non permitiran aos representantes da cidadanía que teñen presenza na Corporación Municipal exercer libremente unha das súas obriga como membros electos do Concello, como é a celebración das sesións plenarias. Ao fío disto, o Executivo Local lembra que en democracia o correcto e o fundamental é que as diferentes posturas se poidan expresar sen ningún tipo de presión ou coacción, aínda que, por suposto, estas non teñen porque ser coincidentes.
Neste sentido, o Goberno ferrolá reitera a súa preocupación pola situación que atravesa Navantia e, especialmente, polas consecuencias que esta supón en canto a destrución de emprego, Unha inquedanza que o executivo fai extensiva a todos aqueles colectivos e cidadáns que sofren de maneira máis crúa as consecuencias do actual contexto económico desfavorable. Aínda así, o Goberno de Ferrol se pregunta que solución achega aos problemas impedir a celebración do debate do Pleno da Corporación Municipal.
Ante o acontecido esta mañá no salón de plenos do Casa Consistorial, o Concello de Ferrol decidiu adoptar unha serie de medidas co obxectivo de garantir a seguridade tanto dos concelleiros dos distintos grupos municipais como dos veciños/as da cidade que acoden ao Concello a facer calquera tipo de consulta ou xestión; e tamén daqueles que asisten como espectadores á sesión. Así, para garantir o acceso público ao Salón de Plenos e a continuidade das portas abertas á Casa do Concello ao mesmo tempo que a normalidade do desenvolvemento do debate plenario, decidiuse que a Policía Municipal identifique ás persoas que quixeran acceder ao Salón de Plenos.
Esta medida preventiva adoptouse a partir dun informe da Policía Municipal en que se pon de manifesto que o pasado xoves –cando se tivo que interromper o Pleno pola actitude de parte do público asistente- non estivo garantida a seguridade nin dos concelleiros, nin dos traballadores do Concello, e tampouco do público que quería seguir con normalidade a sesión plenaria.











