O Goberno local colabora con Cancoruña na organización de cursos sobre adestramento de cans

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A Concellaría de Medio colabora con Cancoruña na celebración de cursos sobre adestramento e educación de cans que se desenvolverán na cidade no mes de maio. As charlas e as clases prácticas serán impartidas por expertos e diríxense tanto aos propietarios dos animais coma a veterinarios e universitarios que cursen esta materia.

O departamento municipal que dirixe Enrique Salvador e Cancoruña ofertarán cursos para os donos de cans que estean interesados en aprender técnicas de adestramento. O centro cívico Dos mallos acollerá o 19 de maio, entre as 10.00 e as 13.30 horas, as conferencias de tres especialistas: Marta Amat Grau, responsable do Servizo de Etoloxía Clínica do Hospital Clínico Veterinario da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB); Javier Astorga Hervás, presidente do Colexio Ibérico de Etólogos; e Ángela González Martínez, responsable do Servizo de Etoloxía no Hospital Veterinario Rof Codina.

Os propietarios dos cans tamén poderán apuntarse ao IX Curso de Adestramento e Educación Canina. Os adestradores Gabriella Tami, Sergio Tejedor e Octavio Villazala estarán no centro cívico Dos mallos o 25 de maio, de 10.00 a 13.30 horas, e, ao día seguinte, no Coliseum, onde se ofrecerá unha clase práctica de 10.00 a 11.30 horas.

A asociación Cancoruña tamén prepara xornadas específicas para veterinarios e alumnos de veterinaria. As II Xornadas de Medicina do Comportamento serán no centro cívico Dos mallos o 18 de maio, de 16.30 a 20.30 horas. Ademais de Marta Amat, Javier Astorga e Ángela González, participará Xavier Manteca, responsable do Servizo de Etoloxía da UAB.

Unha das grandes novidades é que, ao igual que cos donos de cans, se ofrecerá a veterinarios e universitarios un seminario sobre adestramento canino. Os expertos Gabriella Tami, Sergio Tejedor e Octavio Villazala ofrecerán unha clase teórica no centro cívico Dos mallos o día 25 de maio, de 16.30 a 20.30 horas; e outra práctica no Coliseum, o 26 de maio, entre as 12.00 e as 14.00 horas.

Todas as persoas interesadas en asistir a estes cursos ou que desexen máis información poden acceder ás páxinas webs www.cancoruna.jimdo.com e www.cancorunavet.jimdo.com. Para realizar calquera consulta, habilítase un teléfono de atención, no número 660 750 830.

24 de abril de 2013 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.