O Goberno local arranca mañá o programa formativo Saúde Musical

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude, a través dos Locais de Ensaio, inicia mañá, sábado 6 de abril, o programa formativo Saúde Musical. Esta iniciativa nace como unha necesidade de achegar aos mozos músicos da cidade consellos, por parte de voces autorizadas, para evitar lesións e enfermidades que poidan derivarse da práctica musical.

A prevención de perdas auditivas, tinnitus, nódulos nas cordas vocais, lumbalxias, contracturas e tendinite, así como hábitos saudables e beneficiosos durante a práctica musical, centrarán os relatorios, que correrán A Cargo de María Luaces, Silvia Vázquez e José Luís Aristín. O Concello organiza o programa Saúde Musical en colaboración co Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, o Colexio Oficial de Logopedas de Galicia e o Centro Gaes.

Este primeiro taller terá lugar mañá, na Sala Túnel do Coliseum, ás 11.00 horas, cunha duración aproximada de 2 horas e carácter gratuíto. A inscrición pode facerse a través dun formulario en http://locaisdensaio.blogspot.com. O período de inscrición finaliza hoxe ás 21.00 horas ou ata esgotar as prazas. O programa de Saúde Musical enmárcase no proxecto formativo de carácter anual que os Locais de Ensaio do departamento municipal de Educación, Deportes e Xuventude poñen a disposición dos grupos noveis residentes -como destinatarios prioritarios-, pero que se abre á cidadanía con interese específico no ámbito musical.

5 de abril de 2013 | 10:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.