O Goberno local agradece as achegas dos cidadáns para mellorar o PEPRI
O Goberno local agradece a colaboración e a participación cidadá nos dous meses que levan en período de exposición pública o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán. O departamento de Urbanismo que dirixe Martín Fernández Prado recorda que un dos obxectivos é mellorar o proxecto final grazas ás achegas dos coruñeses, que se incorporarán ao texto, e lograr así un documento consensuado e de toda a cidade.
No ecuador da exposición pública, Fernández Prado informa de que se recibiron un total de 415 alegacións e atendéronse 800 persoas, entre as recibidas no Concello e na Sala de Exposicións de Durán Loriga, onde está situada a mostra divulgativa que pretende achegar o PEPRI aos coruñeses. Todas as suxestións e alegacións recibidas incorporaranse ao documento final e servirán para mellorar a proposta municipal.
Así mesmo, nos próximos días, o Concello abrirá unha Oficina de Atención, unha nova canle de información ao cidadán, a través da cal se atenderá de forma particularizada cada unha das comunidades de veciños que hai no ámbito PEPRI. Un equipo de traballo encargarase de atender persoalmente e con cita previa a cada comunidade de veciños. Trátase de aclarar a todos os implicados calquera dúbida que poida xurdirlles respecto ao documento técnico proposto polo equipo redactor. A partir de aquí, recolleranse as propostas e suxestións dos cidadáns para elaborar unha nova proposta municipal.
Fernández Prado iniciou unha rolda de reunións con asociacións de veciños e de comerciantes, cos que mantivo xa 7 dos 14 encontros previstos con asociacións: con representantes de Distrito 1, coa asociación de veciños Ensenada do Orzán, a asociación de comerciantes Soho-Orzán, Asociación de Veciños e de Comerciantes da Cidade Vella, Asociación de Comerciantes Obelisco, Aproínco e os Axentes da Propiedade Inmobiliaria. Nas próximas semanas, o concelleiro e o equipo redactor do PEPRI manterán encontros o Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación; Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario; Colectivo 15001; Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos; e Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.











