O goberno local acorda continuar os procesos selectivos abertos para a cobertura de prazas da Policía Local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

Os catro procesos selectivos abertos para a cobertura de prazas da Policía Local continuarán, considerando por válidas as probas xa realizadas. Así o decidiu esta mañá o goberno municipal á vista dos informes técnicos, que conclúen que tralo remate do prazo de presentación de alegacións por parte dos aspirantes, a composición do tribunal non invalida as actuacións do mesmo, ao axustar a actuación á normativa de aplicación, e non causar prexuízo aos interesados.

Así mesmo, conclúese que na práctica administrativa, os tribunais de selección de corpos distintos á policía local non teñen limitacións en canto aos seus membros, máis alá das que establece o EBEP (Estatuto Básico do Empregado Público) -que non haxa cargos electos nin persoal interino ou eventual-.

Deste xeito, mantéñense as actuacións realizadas en tódolos procesos, e continuarase o proceso para a cobertura das prazas do oficial por promoción interna, no que está pendente o último exercicio.

Suspensión temporal dos procesos selectivos

O Decreto do pasado 10 de abril acordara a suspensión temporal dos procesos selectivos para a cobertura de dúas prazas de garda da policía local por mobilidade, catro prazas de oficial da policía local -tres por promoción interna e unha por mobilidade- e unha praza de inspector por promoción interna. Tomada esta decisión, outorgouse trámite de audiencia a todos os interesados, cun prazo de 10 días para alegar e presentar os documentos e alegacións que consideraran pertinentes. Recibidas as alegacións dos interesados, foi remitido o informe técnico que dá base a esta decisión.

29 de abril de 2013 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.