O Goberno local, a través do Pepri, ordenará o aparcadoiro da Cidade Vella

Reunión de Fernández Prado coa Asociación de Veciños e Comerciantes da Cidade Vella
O tenente de alcalde de Territorio, Infraestruturas e Medio, Martín Fernández Prado, acompañado polo equipo redactor do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán e técnicos da Concellaría de Urbanismo, mantivo unha reunión con representantes da Asociación de Veciños e de Comerciantes da Cidade Vella para informarlles dos principais asuntos do documento e escoitar, de primeira man, as súas inquietudes e suxestións.
Tal e como explicou o concelleiro, o PEPRI abordará, entre outras cuestións, a ordenación do aparcadoiro na Cidade Vella, unha das principais preocupacións dos veciños que levan sen resolver anos. Por outra parte, será a plataforma que permitirá unha modernización de infraestruturas e a mellora do nivel de urbanización do barrio. En definitiva, o PEPRI é o instrumento co que o Goberno local pretende dar resposta e solucionar as demandas históricas de veciños e comerciantes desta zona.
Os asistentes á reunión formularon as súas dúbidas en temas como a accesibilidade, a mobilidade, as infraestruturas e os locais comerciais. Ademais trasladaron a necesidade de contar cun centro cívico. Neste sentido, o concelleiro comprometeuse a fixar unha reunión con eles e coa área de Mobilidade e os técnicos do PMUS para tratar este asunto de forma pormenorizada e tratar de buscar solucións a este problema que merece unha atención especial. Ademais, Fernández Prado comunicoulles que o Goberno local traballará para solucionar a demanda histórica do centro cívico e estudará todas as propostas que os veciños e comerciantes puxeron sobre a mesa para ofrecerlles, unha vez analizadas, as conclusións ás que chegou o equipo redactor. Ambas as dúas partes coincidiron en destacar a súa satisfacción tras a reunión e o frutífero deste tipo de encontros.
O obxectivo deste encontro, que terá continuidade con máis reunións con outros veciños e sectores implicados, é o de escoitar as achegas dos cidadáns para tratar de mellorar un documento que está en proceso de tramitación, debate e discusión: “Queremos un documento de consenso e que dende o diálogo e a colaboración poidamos mellorar un proxecto que marcará o futuro desta importante zona da cidade que destaca polo seu valor patrimonial”, explicou Fernández Prado.
Nas próximas semanas, o concelleiro e o equipo redactor do PEPRI manterán encontros con Distrito 1; Asociación de Veciños Enseada do Orzán; Asociación de Comerciantes Soho – Orzán; Asociación de Comerciantes Obelisco; Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación; Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario; Colectivo 15001; Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos; e Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
Esta iniciativa é unha clara aposta do Goberno local pola transparencia do documento e o seu proceso de redacción e aprobación, así como por fomentar a participación e implicación dos veciños na súa elaboración. Súmase a outras medidas que perseguen este mesmo obxectivo como a notificación individualizada da aprobación inicial do documento aos 12.000 veciños; a exposición pública que se pode visitar na Casa de Cultura Salvador de Madariaga; a web www.coruna.es/urbanismo; e a formación dun equipo de traballo que, cita previa, atenderá persoalmente a cada comunidade de veciños ou propietario que demande información.











